- A estrutura de madeira que circunda a lagoa estase a substituír nos puntos nos que se atopa deteriorada
- Numerosos veciños e visitantes acoden acotío a este espazo natural, o que fai necesario un axeitado mantemento por motivos de seguridade
Valga, 3 de maio de 2019.
Traballadores do Concello de Valga acometen obras de mellora e reparación da varanda perimetral do recinto da Mina Mercedes. A estrutura de madeira que circunda a lagoa atópase deteriorada nalgúns puntos o que fai necesario o seu arranxo por motivos, fundamentalmente, de seguridade.
A actuación comezou hai días e os operarios municipais xa instalaron a nova protección na zona de acceso a este entorno natural. Agora, a brigada está a traballar nas dependencias da Escola Taller preparando e cortando máis pezas da estrutura. Nos vindeiros días, os traballadores avanzarán polo resto do perímetro da lagoa, que conta cunhas catro hectáreas de superficie e ocupa o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto, para detectar aqueles puntos nos que a varanda se atopa en peores condicións e proceder á súa substitución.
A Mina Mercedes, no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra. Conta cun paseo circundante de case 900 metros de lonxitude con arborado, iluminación, áreas de lecer e miradoiros e protexido pola varanda de madeira que agora se está a reparar. Este espazo conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat establécese de maneira temporal ou permanente unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.
A lagoa converteuse, ademais, nun couto de pesca sen morte no que se captura como especie principal a troita arco da vella. A Cámara Oficial Mineira de Galicia destaca a Mina Mercedes como un magnífico exemplo de recuperación dun espazo mineiro en beneficio da biodiversidade e da sociedade.