- O documento estivo exposto ao público durante un mes sen que se presentaran alegacións
- O centro terá capacidade para 120 alumnos
Valga, 2 de maio de 2019.
A memoria técnica para a creación dun Conservatorio Superior de Música en Valga quedou aprobada definitivamente este martes nun Pleno extraordinario e urxente.
A Corporación municipal votou de forma unánime a favor deste documento, que foi elaborado pola Comisión Informativa Especial constituída no mes de xaneiro para estudar a viabilidade de crear un centro de estudos superiores de música. Nel analízanse os aspectos social, xurídico, técnico e financiero do servizo, figurando tanto a forma de xestión como unha proposta de tarifas e unha análise do mercado cun estudo da oferta e da demanda existentes.
A memoria técnica foi aprobada inicialmente no mes de marzo e, dende aquela, permaneceu exposta ao público durante un mes sen que se presentara ningunha alegación.
O obxectivo co que nace o proxecto do Conservatorio é o de contribuír ao desenvolvemento educativo e cultural a través da formación musical, ofrecendo unha alternativa de ensinanza superior avalada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O centro contará capacidade para 120 alumnos e terá carácter privado, xestionado por unha empresa de servizos musicais. Contará coa colaboración e o patrocinio do Concello de Valga a través da concesión das instalacións do Auditorio Municipal e de parte do instrumental. Os alumnos empadroados no municipio cunha antelación mínima de dous anos á data de matrícula beneficiaranse dunha reducción do 10% nas tarifas.