- Degustaron rixóns, zorza, cocido e callos no patio do colexio Xesús Ferro Couselo
- A poxa do porco entre os asistentes acadou os 500 euros
Valga, 27 de abril de 2019.
A sétima edición da Festa da Matanza Tradicional, organizada pola asociación Amigos do Belén coa colaboración do Concello, reuniu hoxe no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro a máis de duascentas persoas, a maioría veciños de Valga, pero tamén visitantes de diferentes procedencias.
Dende as once da mañá recreouse paso a paso a matanza tradicional do porco a cargo dos veciños e co acompañamento da música tradicional do grupo Algueirada, de Pontecesures. Mentras, outro grupo de persoas preparaban os produtos que ao mediodía se degustarían no xantar popular.
O menú estivo composto por produtos típicos da mantanza como rixóns, zorza, cocido, bolos do pote e callos. De postre servíronse pudin de morcilla e filloas, acompañados de café e caña. O prezo para participar neste xantar foi de 10 euros por persoa.
Nos minutos previos á comida, tivo lugar a poxa do porco, que acadou os 122 quilos de peso e que foi adquirido por 500 euros. E para rematar a festa, houbo un baile co grupo musical “Nueva Era”.