- Invístense nas obras 60.500 euros do Plan de Infraestruturas Rurais
- A mellora facilitará o acceso de vehículos de emerxencias como ambulancias ou camións de bombeiros
Valga, 26 de abril de 2019.
A Xunta de Galicia está a executar obras de mellora de dúas estradas de titularidade municipal en Senín (Xanza) e As Eiras (Cordeiro), un proxecto no que se invisten un total de 60.500 euros con cargo ao Plan de Infraestruturas Rurais e que contempla o ensanche de senllos viais e a mellora da capa asfáltica.
O reducido ancho destes camiños dificultaba ata o de agora a circulación en condicións de seguridade e imposibilitaba, da mesma maneira, que os vehículos de emerxencias puidesen acceder en caso de urxencia, cos graves trastornos que iso podía conlevar.
A ampliación e pavimentación vai dotar a estas estradas rurais dunha total accesibilidade tanto para o discorrer diario dos vehículos e peóns como ante situacións de emerxencia que poidan ocorrer, ao facilitar a circulación dunha ambulancia ou camión de bombeiros, dando deste xeito un servizo axeitado aos veciños.
O vial de As Eiras tiña nos puntos máis estreitos un ancho de 2’5 metros e, no caso de Senín, o ancho do camino era variable en todo o seu trazado. Os dous viais pasarán a ter un ancho duns catro metros.