Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Está dirixida á veciñanza dos concellos de Valga e Pontecesures

- Unha logopeda da asociación Sarela falará de causas como o ictus, sobre prevención, atención e coidados

charla DCA

Valga, 17 de abril de 2019.

O Auditorio Municipal alberga o vindeiro mércores, 24 de abril, unha charla informativa sobre o Dano Cerebral Adquirido (DCA) organizada pola asociación Sarela e dirixida á veciñanza dos concellos de Valga e Pontecesures. A actividade é de acceso libre para todos os interesados nesta doenza, xa sexan persoas coidadoras ou poboación en xeral.  A relatora será Ruth González, logopeda de Sarela, que falará de causas como o ictus ou os traumatismos e tamén sobre prevención, atención e coidados.

O Dano Cerebral Adquirido (DCA) é a lesión que se produce no cerebro como consecuencia dun ictus, golpe, cancro, infección, falta de osíxeno, etc. Na actualidade é a primeira causa de discapacidade e dependencia en España. A pesar da súa enorme incidencia, moitas persoas que o padecen non acceden a unha información especializada e de calidade sobre as súas secuelas, posibilidades de recuperación grazas á rehabilitación específica ou recursos de atención existentes.

Sarela é unha entidade sen ánimo de lucro creada en decembro de 2000 por familiares e persoas con DCA e desenvolve o seu labor nos concellos da área sanitaria de Santiago. Ten como obxectivos fundamentais promover a defensa conxunta dos dereitos destas persoas e das súas familias, a súa integración e normalización social, e o seu coidado, asistencia e protección. Entre os fins principais da asociación tamén están os de orientación e información así como o de prevención do DCA e os seus efectos.

Nos últimos dous anos puxo en marcha unha campaña para analizar situación das persoas con dano cerebral na súa área de influencia e, a partir da información obtida, organiza charlas como a do día 24 no Auditorio dirixidas a persoas coidadoras e á poboación en xeral para informar sobre a especificidade dos coidados das persoas con DCA, axudas e outras cuestións de interese.

 

charla DCA

Volver