- Os animais contan con microchip para facilitar a súa identificación en caso de roubo
- O goberno local solicita aos veciños que estean alerta ante a presenza de persoas ou vehículos sospeitosos no entorno da lagoa
Valga, 13 de abril de 2019.
A Mina Mercedes conta con dúas novas parellas de cisnes que foron adquiridas polo Concello e soltadas na xornada de onte. Trátase de dous cisnes brancos e dous negros, que pasan a formar parte da colonia avícola asentada na lagoa.
Os novos animais contan con microchip, o que permitirá a súa identificación en caso, por exemplo, de roubos como os que se teñen producido en máis dunha ocasión. Esta non é a única medida que se adoptará para evitar a substración dos novos cisnes, xa que haberá ademais unha vixilancia constante por parte da agrupación de Protección Civil e o Concello a está a sopesar a instalación de cámaras de seguridade, estudando o lugares e emprezamentos nos que serían máis efectivas.
O goberno municipal solicita, asimesmo, aos veciños do entorno que avisen coa maior rapidez posible se detectan a algunha persoa ou vehículo sospeitoso na Mina Mercedes e que traten de memorizar cantos máis datos, como descripción ou matrícula, para facilitar a súa posterior identificación ou localización.
Un ecosistema de gran valor natural
A Mina Mercedes, no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra. Este espazo conforma un ecosistema de gran valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat hai establecida unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.
A lagoa converteuse, ademais, nun couto de pesca sen morte no que se captura como especie principal a troita arco da vella. A Cámara Oficial Mineira de Galicia destaca a Mina Mercedes como un magnífico exemplo de recuperación dun espazo mineiro en beneficio da biodiversidade e da sociedade. Conta cun paseo circundante de case 900 metros de lonxitude con arborado, iluminación, áreas de lecer e miradoiros.