- Actuaron a Orquestra de Cámara de Valga e as Filharmónicas Infantil e Xuvenil de Pontevedra
- O vindeiro sábado terá lugar o concerto do grupo “A Roda” con entrada de balde
Valga, 9 de abril de 2019.
O Encontro de Orquestras Xoves, que tivo lugar o sábado organizado polo Concello de Valga, a Escola Municipal de Música e a asociación Musival, reuniu no Auditorio Municipal a tres agrupacións infantís e xuvenís.
A Orquestra de Cámara de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda, foi a primeira subir ao escenario e interpretou un repertorio composto polos temas “V Sinfonía” de Beethoven, “Summertime” de Gershwin, “Hopak” de Mussorgsky, “Sinfonía Novo Mundo” de Dvorak e “Liebestraum nº3” de Liszt.
A continuación foi o turno da Orquestra Filharmónica Infantil Cidade de Pontevedra, con Marta Souto á batuta, que tocou sete temas: “Primavera” de Vivaldi, “12th Street Rag” de E.L. Bowman, “L’inverno é pasato” de Emilio Lede, “Half-minute Waltz” con arranxos de Marta Souto, “Finger Rock” de Bob Philips, “Sonrisas y lágrimas” e, para pechar o seu concerto, “Polka” de Raúl Contreras.
A terceira das agrupacións participantes foi a Xove Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, con Sergio Heredia como director e un repertorio cos temas “Capriol Suite” para orquestra de cordas de Peter Warlock, e “La mort i la doncella” de Jordi Cervelló.
Para pechar o concerto as Filharmónicas Infantil e Xuvenil pontevedresas tocaron conxuntamente “Pomp and circumstance” de Edward Elgar.
A Roda e Camerata Arven
A música seguirá protagonizando a programación do Auditorio para a vindeira fin de semana. O sábado, 13 de abril, actuará o grupo “A Roda”. A entrada é gratuíta pero para asistir á actuación é necesario retirar con anterioridade os tíckets con asignación de asento. Dende o día 1 de abril e ata hoxe, as persoas empadroadas en Valga tiveron prioridade para solicitar as súas entradas e a partir de mañá, poñeranse a disposición do público en xeral, que pode retiralas nas oficinas do Concello ou no Auditorio Municipal ata completar o aforo.
“A Roda” vén de festexar no 2018 o corenta aniversario da súa fundación e recibiu, tamén no pasado ano, o Premio da Cultura Galega polo seu labor de promoción e difusión da música popular. A agrupación, un dos principais expoñentes da música de taberna en Galicia, está inmersa dende comezos deste 2019 na súa xira “A Roda-Cultura Galega”. Temas como “Pousa, pousa” ou “Miudiño”, convertidos xa en auténticos himnos, destacan no seu amplo repertorio de cantigas, cancións populares e temas de composición propia.
O domingo, 14 de abril, terá lugar o concerto de clausura do Curso de Dirección Musical que organizan o Concello e a Escola de Música. A agrupación residente “Camerata Arven” baixo a dirección dos alumnos participantes no curso.