- O paro en Valga baixou de 702 persoas a comezos de 2015 ata 380 en marzo de 2019
- O Concello contratou a 130 persoas con recursos propios e subvencións da Xunta de Galicia
Valga, 5 de abril de 2019.
Máis de 2.500 persoas beneficiáronse durante os últimos catro anos das actividades de orientación, formación e inserción laboral promovidas polo Concello dentro do Plan Municipal de Emprego co fin último de favorecer a contratación de veciños desempregados e reducir as taxas de paro. O número de desempregados en Valga a comezos de 2015 ascendía a 702, que se reduciron ata os 380 rexistrados neste mes de marzo de 2019. A baixada foi do 45’8% (322 persoas) durante esta lexislatura.
Tal e como informou o alcalde, José María Bello Maneiro, no Pleno do pasado luns, no período entre 2015 e 2019 o propio Concello contratou a máis de 130 persoas co investimento de recursos propios ou a través de subvencións da Xunta de Galicia para incentivar o emprego no ámbito rural ou fomentar a contratación de persoas en risco de exclusión social. Ademais, a liña de axudas municipais para empresas e autónomos que contraten a persoas empadroadas en Valga sumou un total de 61 solicitudes.
Como aposta de inserción laboral, o Concello de Valga proxectou nesta lexislatura tres obradoiros de emprego para desempregados, formando a 60 persoas nas especialidades de albanelería, carpintería, xardinería e forestais. Tamén se desenvolveu un obradoiro de agricultura ecolóxica para parados menores de 30 anos que contou con 15 participantes. En total 75 persoas obtiveron un certificado de profesionalidade e investíronse máis dun millón de euros formación, no soldo do alumnado e na execución de obras públicas.
Outras iniciativas de fomento do emprego foron o programa “Valga Emprende”, que logrou insertar no mercado laboral a 35 das 60 persoas participantes, e o programa de Formación Dual con contrato en prácticas que ofertou tres modalidades: actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, operacións auxiliares de albanelería e traballos de carpintería e moble. Os 14 beneficiados, de entre 16 e 30 anos, tiveron unha percepción salarial durante os 9 meses de contrato e, ao finalizar, recibiron un certificado de profesionalidade.
Ademais, neste período o Concello de Valga xestionou conxuntamente co IES a implantación da FP Dual no instituto, que actualmente imparte o Ciclo Medio de Soldadura e Caldeirería e o Ciclo Superior de Construcións Metálicas nos que a formación teórica se compaxina con prácticas en empresas para así adaptar a oferta formativa ás necesidades do sector industrial local e ampliar as garantías de inserción laboral do alumnado.
Cursos, charlas e xornadas
Douscentos dez alumnos asistiron aos 14 cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) que se impartiron entre 2015 e 2019 sobre Avaliación e control de calidade, Operacións auxiliares de montaxe e mantemento de equipos eléctricos e electrónicos, Operacións auxiliares de servizos administrativos, Atención sociosanitaria a persoas dependentes, Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, Docencia e formaicón para o emprego e Emprego doméstico. O alumnado percibiu unha bolsa de desprazamento a razón de 0’19 euros por quilómetro, outra de conciliación por importe de 300 euros se tiñan fillos menores de 6 anos a cargo e estableceuse tamén unha terceira bolsa de 300 euros para persoas con discapacidade.
Os numerosos cursos, charlas e xornadas organizadas nestes catro anos en colaboración con entidades sociais e educativas contaron con outras 300 persoas participantes. Carretilleiro, prevención de riscos laborais, ponte grúa, manipulador de alimentos, tapicería, cultivo baixo abrigo ou atención sociosanitaria centraron algunhas das iniciativas máis destacadas. A Aula CeMIT, pola súa parte, organizou 271 cursos e obradoiros que sumaron máis de 1.600 usuarios.