- O lume declarouse na noite do domingo e participaron no operativo dous efectivos e tamén o membro do GES que estaba de garda
- A agrupación realizou durante o ano 2018 un total de 676 servizos
Valga, 25 de marzo de 2019.
A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Valga colaborou a pasada madrugada nas tarefas de extinción dun incendio forestal no municipio veciño de Cuntis.
O lume declarouse arredor das once da noite do onte domingo e, tras recibir a chamada dos responsables do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, desprazáronse á zona dous voluntarios de Valga. Tamén acudiu o integrante do GES que estaba de garda.
Durante o pasado ano 2018, a agrupación de Protección Civil realizou un total de 676 servizos, entre intervencións en incendios, intervencións en accidentes de tráfico, búsqueda de persoas desaparecidas, operativos relacionados coa vespa velutina, intervencións con animais, aglomeracións humanas, gardas na base, operativos de protección civil, vixilancia na praia fluvial, intervencións no Camiño Portugués, colaboracións co Concello, cursos de formación e outras intervencións.
No comezo deste 2019, entre os meses de xaneiro e febreiro, a agrupación ten realizados máis de 130 operativos.