- O documento exporase ao público por un período dun mes no que poden presentarse alegacións
- Os alumnos empadroados en Valga beneficiaranse dun 10% de desconto nas tarifas
Valga, 15 de marzo de 2019.
A Corporación municipal aprobou por unanimidade no Pleno de onte a memoria técnica para a creación dun Conservatorio Superior de Música.
O documento foi elaborado pola Comisión Informativa Especial constituída no mes de xaneiro para estudar a viabilidade de crear en Valga un centro de estudos superiores de música. Nel analízanse os aspectos social, xurídico, técnico e financiero do servizo, figurando tanto a forma de xestión como unha proposta de tarifas e unha análise do mercado cun estudo da oferta e da demanda existentes.
O obxectivo co que nace o proxecto deste Conservatorio é o de contribuír ao desenvolvemento educativo e cultural a través da formación musical, complementar a oferta formativa da Escola Municipal de Música e ofrecer unha alternativa de ensinanza superior avalada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O centro contará capacidade para 120 alumnos e terá carácter privado, xestionado por unha empresa de servizos musicais. Contará coa colaboración e o patrocinio do Concello de Valga a través da concesión das instalacións do Auditorio Municipal e de parte do instrumental. Os alumnos empadroados no municipio cunha antelación mínima de dous anos á data de matrícula beneficiaranse dunha reducción do 10% nas tarifas.
Trala súa aprobación inicial, a memoria exponse agora ao público durante un prazo dun mes durante o cal particulares e entidades poden presentar as alegacións que consideren oportunas.