- O encontro terá lugar esta tarde ás 16:30 horas na biblioteca do centro
- O instituto fai un convite especial a todas persoas interesadas pola lectura a que participen nas súas actividades
Valga, 14 de marzo de 2019.
A poeta carballesa Rosalía Fernández Rial participa esta tarde, ás 16:30 horas, nunha nova sesión do Club de Lectura do IES de Valga, no que falará do seu libro “Ningún amante sabe conducir”.
Esta obra foi publicada pola Edicións Positivas en 2014. En palabras do crítico Xosé Manuel Eyré, “a riqueza simbólica trascende o poemario e áchase tamén inoculada na prosa poética e na teatralización, mais o poemario en si responde a unha concepción como road movie, que á súa vez é un subxénero que sempre se asimila á narrativa”.
Rosalía Fernández Rial (Carballo,1988) é licenciada en Filoloxía e Doutora en didáctica das linguas e expresión dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Toca o acordeón, fai teatro e, sobre todo, escribe. Ademais de “Ningún amante sabe conducir”, ten publicados os libros de poesía “En clave de sol”, “Átonos”, “Vinte en escena”, “Contra-acción” e “Sacar a bailar”. Tamén cultivou a narrativa en obras como “Bonus Track” e o ensaio en “Aulas sen paredes”.
O Club de Lectura do IES está aberto á participación de calquera persoa con interese na lectura, forme ou non parte da comunidade educativa do instituto. De feito, o centro fai un convite a todas as persoas da zona interesadas nas súas actividades para formar parte del. A única condición é ter gusto pola literatura. Para este fin poden contactar co responsable da biblioteca, Miguel Fernández.