- Fai un chamamento á veciñanza para que denuncie calquera situación coñecida de maltrato co fin de evitar máis asasinatos
- O Centro de Información á Muller ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto ás vítimas de violencia machista
Valga, 11 de marzo de 2019.
O Pleno do Concello de Valga, reunido este mediodía de forma extraordinaria e urxente, decretou tres días de loito oficial no municipio en memoria de María José Aboy Guimarey e de todas as vítimas da violencia de xénero. Dende esta mañá as bandeiras dos edificios públicos ondean a medio mastro e con crespóns negros en sinal de dó e quedan suspendidas, así mesmo, todas as actividades municipais que estaban previstas durante estes tres días de loito.
Os dous grupos políticos que conforman a Corporación, o Partido Popular e o Partido Socialista, consensuaron unha declaración conxunta de condena do crime machista que lle custou a vida á nosa veciña María José Aboy e de rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres, apelando ao traballo conxunto entre as institucións e a cidadanía para erradicar esta lacra que afecta de xeito dramático á nosa sociedade e que é a expresión máxima da desigualdade de xénero.
O acordo plenario adoptado ao que deron lectura a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, e o alcalde, José María Bello Maneiro, reafirma o compromiso total do Concello de Valga contra a violencia machista, prestando atención social e apoio ás vítimas e ás súas familias, traballando coordinadamente con outras institucións para erradicar esta lacra social e promovendo actividades e actuacións de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.
Ponse a disposición de todas as valguesas e tamén veciñas dos municipios limítrofes os recursos do Centro de Información á Muller (CIM), que ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto a vítimas da violencia de xénero, e faise un chamamento a toda a cidadanía para que denuncie ante os Servizos Sociais do Concello, o CIM, as autoridades policiais ou no teléfono contra o maltrato 016 calquera situación coñecida de violencia de xénero co fin de evitar novas vítimas.
Unha vez rematado o Pleno, tivo lugar unha concentración ás portas da Casa Consistorial na que se gardou un minuto de silencio. Aos actos asistiu Marta Mariño, en representación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta. Participaron os membros da Corporación, traballadores municipais, os directores dos centros educativos de Infantil e Primaria da vila, alumnado e profesorado de ciclos do IES de Valga, o alcalde e outros representantes políticos de Pontecesures e veciños que expresaron, deste xeito, a súa condena e consternación por este crime machista e o seu apoio á familia de María José Aboy Guimarey. A capela ardente abrirá ao público ás 18 horas de hoxe no tanatorio San Marcos de Caldas de Reis e os actos fúnebres terán lugar mañá ás 18 horas en Carracedo.
Trala concentración no Concello, o alcalde, as concelleiras de Igualdade e Educación e outros membros da Corporación trasladáronse ao IES de Valga, onde toda a comunidade educativa gardou un minuto de silencio en recordo de María José Aboy. Dous alumnos deron lectura a un manifesto no que se fixo especial referencia aos nenos vítimas da violencia de xénero e aos fillos das mulleres asasinadas. "Vinte e cinco nenos foron asasinados e 221 quedaron orfos nos últimos cinco anos" a consecuencia da violencia machista, lamentaron.
ACORDO PLENARIO
CONDENA POLA MORTE DE MARÍA JOSÉ ABOY GUIMAREY E REXEITAMENTO DESTE ACTO DE VIOLENCIA MACHISTA
A violencia de xénero cobrouse onte a vida da nosa veciña María José Aboy Guimarey. Unha muller xoven, con toda a vida por diante, con moitos soños por cumplir e metas que xa non poderá acadar.
A Corporación municipal e os dous grupos políticos que a conforman, Partido Popular e Partido Socialista, expresan a súa máxima condena a este asasinato machista e mostran o seu absoluto rexeitamento a todas as formas de violencia contra as mulleres, xa sexa psicolóxica, económica, física ou sexual, e que supoñen un atentando contra a dignidade e integridade das mulleres.
Apelamos ao traballo conxunto entre institucións e cidadanía para erradicar a barbarie que representa a violencia machista, unha lacra que afecta de xeito dramático á nosa sociedade e expresión máxima da desigualdade de xénero.
A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación para facer fronte aos maltratadores e construír, entre todos, unha sociedade libre de violencia sobre as mulleres.
A violencia de xénero non é un asunto privado, senón un problema social que se combate con tolerancia cero ante calquera comportamento machista. As nosas nais, as nosas fillas, as nosas irmás, as nosas amigas… tamén poden ser vítimas da violencia de xénero e, como sociedade, non podemos permanecer impasibles ante este atentado contra os dereitos humanos.
Por todo isto O PLENO DO CONCELLO adopta os seguintes ACORDOS:
Primeiro: Decretar tres días de loito oficial no Concello de Valga en memoria de María José Aboy Guimarey e de todas as vítimas da violencia de xénero.
Segundo: Suspender todas as actividades municipais que estaban previstas para estes tres días en sinal de dó polo terrible asasinato da nosa veciña e en apoio da súa familia e achegados.
Terceiro: Poñer a disposición de todas as valguesas e tamén veciñas dos municipios limítrofes os recursos do Centro de Información á Muller (CIM), que ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto a vítimas da violencia de xénero.
Cuarto: Facer un chamamento a toda a cidadanía para que denuncie ante os Servizos Sociais do Concello, o CIM, as autoridades policiais ou no teléfono contra o maltrato 016 calquera situación coñecida de violencia de xénero co fin de evitar novas vítimas.
Quinto: Reafirmar o compromiso total do Concello de Valga contra a violencia machista, prestando atención social e apoio ás vítimas e ás súas familias, traballando coordinadamente con outras institucións para erradicar esta lacra social e promovendo actividades e actuacións de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.