Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Corporación municipal condena o asasinato de María José Aboy Guimarey

- No departamento de Servizos Sociais e no CIM non constaban denuncias previas por malos tratos

lazonegro

Valga, 10 de marzo de 2019.

O Concello de Valga expresa a súa máis profunda consternación e a súa repulsa tralo caso de violencia de xénero sucedido esta tarde no municipio e que supuxo o falecemento da nosa veciña María José Aboy Guimarey.

Os dous grupos políticos que forman parte da Corporación acordaron celebrar mañá ás 12 do mediodía un pleno extraordinario e urxente en repulsa por este asasinato, en memoria da vítima e en apoio da familia. Convócase, ademais, a toda a cidadanía a unha concentración diante da Casa do Concello unha vez rematada a sesión. Quedan suspendidas todas as actividades municipais previstas para mañá, entre elas o pleno extraordinario que ía a celebrarse ás 20:15 horas.

O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, e o concelleiro de Seguridade e Interior, José Lagos, estiveron esta tarde acompañando á familia nestes difíciles momentos polos que están a pasar. Logo de ter coñecemento do sucedido, o rexedor púxose en contacto telefónico coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, que lle trasladou as súas condolencias e desprazou a Valga a un equipo de psicólogos para prestar atención e axuda aos familiares da vítima.

No Concello de Valga non constaba ningún tipo de dato que fixera sospeitar que se estaba a producir un caso de violencia de xénero. “Nin no departamento municipal de Servizos Sociais nin no Centro de Información á Muller constaba ningunha denuncia previa nin antecedente por malos tratos”, explica o alcalde, que engade que “estamos a disposición da familia para axudalos en todo o que estea nas nosas mans”.

 

Volver