Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- TokApp pode descargarse no enlace https://tokapp.com/suscripciones/concello-de-valga/934158

- A Aula CeMIT organizará unhas xornadas nas que se informará de xeito práctico como instalar e empregar a plataforma

TokApp copia

Valga, 9 de marzo de 2019.

O Concello de Valga estrea unha plataforma de mensaxería instantánea para comunicarse coa veciñanza a través de smartphone ou tablet. Trátase de TokApp, unha aplicación que permite recibir información de forma directa, segura e respectando a privacidade e a confidencialidade esixidas pola Lei de Protección de Datos.

TokApp permite que calquera cidadán poda seguir as novidades municipais a través dos grupos de subscrición que ten abertos o Concello e que, a día de hoxe, son: Actividades culturais e deportivas, Emprego e formación, Axudas e Información xeral. As persoas usuarias poderán subscribirse aos grupos que queiran a fin de recibir só a información que lles resulte de interese.

A plataforma pode descargarse de xeito totalmente gratuíto a través do enlace https://tokapp.com/suscripciones/concello-de-valga/934158 ou accedendo dende o dispositivo móbil a App Store (iOS) ou Google Play (Android), buscando “TokApp” e descargando a aplicación. Ao abrila hai que seleccionar o país e cubrir os datos para a creación do usuario e o contrasinal. A continuación, subscribirse ao Concello de Valga e, dentro desta opción, ás listas temáticas ou grupos que se consideren de interese. En datas próximas realizaranse na Aula CeMIT do Auditorio unhas xornadas informativas sobre esta aplicación nas que se explicará de xeito práctico a todas as persoas interesadas como instalala nos seus dispositivos e empregala.

Unha das principais características de TokApp é que garante a privacidade dos datos persoais, de modo que non fai falta rexistrarse cun número de teléfono e incluso existe a opción de desactivar a visibilidade do email e teléfono de forma que só sexa visible o nome de usuario empregado á hora de rexistrarse. Ademais, as mensaxes enviadas a múltiples destinatarios realízanse de maneira privada e as respostas non son visibles a outros usuarios.

Esta nova canle de comunicación coa veciñanza complementarase co emprego dos paneis de avisos existentes nas distintas parroquias e da cartelería tradicional, así como a páxina web municipal e as redes sociais para tratar de chegar a todos os segmentos da poboación.

Manual de usuario de TokApp

 

Volver