- Foi impartida polo docente Sergio Muñiz, que informou sobre axudas e recursos dos que se dispoñen para adaptar o traballo ás necesidades da familia
- Mañá celébrase no Auditorio o contacontos “Cando as nenas voan alto”, a partir das 16:30 horas
Valga, 7 de marzo de 2019.
O docente Sergio Muñiz impartiu esta mañá no CODI unha charla sobre conciliación laboral e familiar dentro da programación deseñada polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller.
O relator ofreceu información sobre as axudas das que dispoñen as familias cando teñen fillos, como a Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia, pero tamén falou sobre os recursos existentes a nivel local, autonómico e estatal para compaxinar as obrigas laborais co coidado de persoas dependentes, maiores ou discapacitados.
“A charla baseouse en ofrecer moita información sobre cuestións como as axudas e tamén en explicar o primeiro Plan de Conciliación aprobado pola Xunta para o período 2018-2021” e que inclúe 100 medidas para acadar unha conciliación corresponsable e en favor da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, explica Sergio Muñiz.
Neste sentido, o docente advirte que hoxe en día “a maior parte das cargas familiares seguen recaendo sobre as mulleres. Son elas as que, maioritariamente, se responsabilizan das tarefas do fogar e do coidado das persoas dependentes e son elas as que teñen que reducir as súas xornadas laborais para facerse cargo de todo iso, simplemente polo feito de ser mulleres”.
Outra das problemáticas ás que fixo referencia é que, en ocasións, aínda existindo axudas estas retrásanse por cuestións de burocracia e “neses tempos de espera as mulleres vense obrigadas igualmente a conciliar” sen ter á súa disposición os recursos precisos.
A programación do 8-M continúa mañá venres co contacontos “Cando as nenas voan alto”, que terá lugar na biblioteca municipal de Cordeiro ás 16:30 horas.
O sábado a partir das oito da tarde terá lugar no Auditorio o acto central con motivo do Día Internacional da Muller, a homenaxe ás valguesas que sacaron o carné de conducir antes do ano 1975.