Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A iniciativa de concienciación en igualdade forma parte do programa de actividades do Día Internacional da Muller

-Mañá celébrase no CODI unha conferencia sobre conciliación laboral e familiar

expomulleresgalegas1

Valga, 6 de marzo de 2018.

A exposición “Mulleres Galegas”, que reúne a catorce figuras que destacaron polas súas aportacións á ciencia, ás humanidades e ao coñecemento, pode verse no Auditorio Municipal ata finais do mes de marzo.

 A mostra forma parte do programa “Valga Violeta” para a concienciación en igualdade e a prevención da violencia de xénero e recolle os principais logros das seguintes mulleres:

  • Ángeles Alvariño González (Ferrol 1916, California 2005) Oceanógrafa, doutora en psicoloxía experimental, química analíca e ecoloxía vexetal. Medalla de Prata de Galicia en 1993.
  • Concepción Arenal Ponte (Ferrol 1820, Vigo 1893) Intelectual que profundizou nas problemáticas xurídicas e penitenciarias e a situación marxinal da muller.
  • Dolores Abuín Martínez (1928) Mestra e política, alcaldesa de Valga entre 1975 e 1979 e de Ribadumia de 1979 a 1983.
  • Emilia Pardo Bazán (A Coruña 1851, Madrid 1921) Novelita, xornalista, crítica literaria e ensaísta, editora, catedrática que introduce o naturalismo en España.
  • Francisca Álvarez González (O Barco de Valdeorras 1919 , Cambre 1975) Pioneira no mundo empresarial e promotora da primeira escola de maiores en Cambre.
  • Francisca Herrera Garrido (A Coruña 1869, A Coruña 1950) Poeta e narradora, primeira académica electa da Real Academia Galega.
  • Luz Pozo Garza (Ribadeo 1922) Docente, escritora e editora de publicacións literarias.
  • María Casares Pérez (A Coruña 1922, Alloue 1996) Membro da Comédie Française e do Teatro Nacional Popular, compañía pública cunha forte preocupación social. Participou na creación do festival de Aviñón.
  • María Corredoyra Ruiz de Baro (A Coruña 1893, A Coruña 1970) Pintora da xeración de 1916. Membro do Seminario de Estudos Galegos e da Academia de Belas Artes da Coruña.
  • Maruja Mallo (Viveiro 1902, Madrid 1995) Pintora surrealista da xeración do 27.
  • Pura Lorenzana Prada (Vilasante 1907, Santiago 1997) Docente e historiadora que desenvolveu unha intensa labor investigadora vencellada á reforma educativa, especialmente orientada á muller.
  • Rosalía de Castro (Santiago 1837, Padrón 1885) Figura emblemática da literatura española do século XIX e do Rexurdimento galego. “Cantares Gallegos” está considerada a primeira gran obra da literatura galega contemporánea.
  • Sofía Novoa (Vigo 1902, Cangas 1987) Pianista internacional vencellada á xeración do 27. Docente na Universidade de Columbia.
  • Sofía Pérez Casanova (A Coruña 1861, Poznan – Polonia 1958) Poeta, novelista e xornalista. Foi a primeira española corresponsal de guerra.

Nas últimas xornadas, a Concellería de Benestar Social e Igualdade puxo en marcha outras actividades de sensibilización e promoción da igualdade de xénero, como a colocación de cartelería en edificios públicos, centros educativos ou locais comerciais de Valga; a iniciativa “Poesía de mulleres para mulleres”, consistente na distribución de tarxetas con poemas en locais municipais; ou a divulgación do flashmob “O ruxido”, gravado o pasado novembro con motivo do Día contra a violencia de xénero e no que participaron distintos departamentos municipais e entidades de Valga.

Mañá celébrase no CODI unha charla sobre “Medidas de conciliación laboral e familiar” impartida por Sergio Muñiz Pérez entre as 9 e as 10 horas, e o venres a biblioteca de Cordeiro acolle o contacontos “Cando as nenas voan alto” a partir das 16:30.

O sábado a partir das oito da tarde terá lugar no Auditorio o acto central con motivo do Día Internacional da Muller, a homenaxe ás valguesas que sacaron o carné de conducir antes do ano 1975.

expomulleresgalegas2 expomulleresgalegas3

Homenaxe muller

Volver