Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O certame premia ao lugar máis fermoso para implicar á cidadanía no coidado dos espazos públicos

- O Concello aporta os materiais precisos para executar as obras e outorga gratificacións de 300, 200 e 100 euros aos participantes

embelecercanle

Valga, 4 de marzo de 2019.

O Concello convoca un ano máis o concurso “Embelecer Valga”, que pretende implicar á veciñanza no coidado e mantemento dos espazos públicos da vila. O certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado e engalanado pola cidadanía, xa sexa no ámbito urbano ou rural do municipio, de maneira que os veciños dos diferentes núcleos de poboación poden agruparse para levar a cabo accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación de paraxes públicos.

Para elo teñen que formar unha comisión veciñal na que un dos integrantes actúe como representante e presentar unha solicitude no Concello. Este documento debe estar asinado por un mínimo de tres membros do colectivo e acompañado dunha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que se estimen precisos. Tamén se require unha reportaxe fotográfica do lugar no que se levarán a cabo as actuacións. Serán aceptadas todas aquelas solicitudes conformadas por residentes no concello de Valga, sempre e cando se considere viable a acción proposta. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 31 de xullo.

O Concello facilitará todos os medios precisos para a execución dos proxectos aprobados e porá a disposición dos participantes os materiais necesarios para o desenvolvemento das obras e actuacións. Os servizos técnicos municipais realizarán un seguemento das accións en concurso, xirando inspeccións e ditando instrucións cando sexa preciso. O prazo de execución das obras rematará na terceira fin de semana de agosto.

O xurado encargado de valorar cada unha das actuacións estará integrado por representantes de cada comisión veciñal participante. O proxecto mellor valorado será premiado cun agasallo, diploma e 300 euros e o segundo clasificado recibirá os mesmos galardóns coa excepción da cantidade económica, que ascenderá a 200 euros. As demais comisións presentadas recibirán un diploma e unha gratificación de 100 euros.

Na última edición foron catorce as comisións participantes. O lugar gañador foi Canle, con Barcia en segundo posto e Vilar como terceiro clasificado.

Volver