Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A rehabilitación e acondicionamento do inmoble, no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera,executouse en tres fases

- O rexedor e a directora de Turismo achegáronse tamén ao Museo da Historia, ao que se incorporaron materiais expositivos sobre patrimonio, a Bella Otero e Ferro Couselo

visitanava1

Valga, 2 de marzo de 2019.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitaron esta mañá o Centro de Interpretación da Caña do País para comprobar o resultado da última fase das obras financiada pola Xunta.

Turismo de Galicia investiu case 200.000 euros neste proxecto a través da sinatura de dous convenios de colaboración co Concello de Valga. O primeiro, por valor de 105.000 euros, permitiu rehabilitar o inmoble, que foi adquirido polo Concello en estado ruinoso. O segundo, que ascendeu a uns 90.000 euros, serviu para rematar as obras e instalar parte do equipamento interior.

Executaronse en total tres fases de obras, que comezaron a finais do ano 2017 coa reconstrución dunha antiga edificación de pedra emprazada no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera e a dotación da cuberta. Na pasada primavera executouse a segunda fase, financiada polo Concello e que incluíu traballos de acondicionamento no exterior do edificio, entre eles a construción dun patín, a colocación de balaustrada nas escaleiras exteriores e a pavimentación con pedra dunha beirarrúa bordeando o edificio.

A terceira e última fase conlevou a realización de obras complementarias como a pavimentación do entorno e dun acceso. Ademais, equipáronse as salas con alambiques de cobre, un lagar e outros obxectos relacionados coa produción da augardente.

A través do Centro de Interpretación da Caña do País, o Concello de Valga divulgará o legado cultural e histórico en torno á augardente e á súa produción. Na última edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País acolleu a súa primeira actividade, unha demostración de destilación artesanal. Bello Maneiro avanzou que ao longo das próximas semanas continuarán os traballos de equipamento do inmoble. “Esperamos que no marxe dun mes o centro xa teña máis contido de maneira que, na vindeira edición da festa, non só acolla a demostración de destilado, senón tamén as catas e incluso algunhas actividades máis”.

O rexedor lembrou que a primeira vez que Nava Castro visitou este edificio “era un montón de pedras en ruínas e sen teito. O cambio experimentado foi moi grande e temos que agradecerllo a Turismo de Galicia polas súas aportacións económicas. Sen elas sería imposible executar este proxecto”.

Nava Castro, pola súa parte, indicou que o Centro de Interpretación da Caña do País “debe ser un orgullo para todos os veciños. É, ademais, un exemplo de como os fondos que aporta Turismo de Galicia serven para poñer en valor os recursos turísticos de vilas como Valga e para seguir divulgando e promocionando o destino Galicia”. A directora de Turismo non pasou por alto a proximidade do Ano Santo 2021. “Por aquí pasa o Camiño de Santiago e infraestruturas como o Centro de Interpretación da Caña ou o Museo da Historia son un complemento perfecto”.

Nava Castro aproveitou a súa estancia en Valga para achegarse ao Museo da Historia, no que se executaron traballos de reforma e ampliación incorporándose novos fondos e materiais expositivos vencellados ao patrimonio de Valga e a algúns dos seus persoeiros ilustres como Xesús Ferro Couselo e a Bella Otero.

O alcalde quixo remarcar, neste sentido, que o goberno local está a traballar en diferentes proxectos para impulsar o turismo no municipio e que os establecementos hostaleiros e comerciais de Valga “poidan beneficiarse de novas vías de negocio e incrementar os seus ingresos”. Lembrou que hai tan só uns días se asinou un convenio coa Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) para impulsar unha ruta turística polo río Ulla con porto base na praia fluvial de Vilarello e que funcionará a partir do mes de abril. Ademais, “estamos á espera de que Portos de Galicia instale un novo pantalán en Campaña para o seu uso por parte de embarcacións turísticas”, unha actuación que suporá a rehabilitación dun vello porto de carga e descarga de mercadorías que existía antano no río Ulla e que está vencellada a un proxecto máis ambicioso como é a recuperación da antiga liña de vagonetas para o transporte de arxilas da factoría Novo y Sierra. Maneiro avanzou que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Industria se ten comprometido a redactar este proxecto.

visitanava2 visitanava3

visitanava4 visitanava5

visitanava6 visitanava7

visitanava8 visitanava9

Volver