Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O CRA, a Escola Infantil e alumnado da Escola de Música celebran mañá os seus festivais de Carnaval

- O Concello homenaxea o día 9 ás valguesas que sacaron o carné de conducir antes de 1975

auditoriooo

Valga, 28 de febreiro de 2019.

O Entroido e o Día da Muller comparten protagonismo na programación do Auditorio Municipal para o mes de marzo.

As actividades dan comezo mañá mesmo coa celebración de varios festivais de Carnaval. Pola mañá será a comunidade educativa do Centro Rural Agrupado (CRA) a que se reúna no Auditorio para celebrar o Entroido e, pola tarde, fará o propio a Escola Infantil Municipal. A partir das 20 horas, súmase aos festexos o alumnado da Escola Municipal de Música, en concreto os rapaces de Música e Movemento, que ofrecerán un concerto.

A celebración do Carnaval continuará durante a segunda semana do mes, o venres 8 cun obradoiro de caretas a partir das 17:30 horas na biblioteca. É gratuíto e poden asistir nenos a partir de 5 anos de idade e tamén de 4 anos, pero neste caso acompañados por un adulto.

O domingo día 10 celebrarase nos exteriores do Auditorio, en Ferreirós, o desfile de Entroido, no que poden participar disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas que competirán por gañar algún dos 21 premios que outorgará o xurado. Repartiranse, en total, 2.740 euros.

En marzo serán tamén varias as actividades conmemorativas do Día da Muller que se desenvolvan no Auditorio. A partir de mañá e ata o día 31 pode verse na sala de exposición a mostra “Mulleres Galegas”, que reúne a catorce figuras destacadas en ámbitos como a ciencia ou a cultura: Ángeles Alvariño, Concepción Arenal, Dolores Abuín, Emilia Pardo Bazán, Francisca Álvarez, Francisca Herrera, Luz Pozo Garza, María Casares, María Corredoyra, Maruja Mallo, Pura Lorenzana, Rosalía de Castro, Sofía Novoa e Sofía Pérez Casanova.

O venres 8, Día Internacional da Muller, tará lugar o Contacontos pola Igualdade “Cando as nenas voan alto”, que invita a reflexionar sobre os estereotipos que hai na sociedade respecto ao xénero feminino, e o sábado 9 celebrarase o acto de homenaxe ás mulleres do municipio que sacaron o carné de conducir antes de 1975 ou nese mesmo ano. Deste xeito o Concello quere recoñecer ás valguesas que foron pioneiras no mundo da automoción, tradicionalmente dominado por homes ata o punto de que se unha muller quería sacar o carné de conducir tiña que presentar autorización paterna ou marital.

Á marxe destes dous grandes bloques, o Auditorio albergará no vindeiro mes outras actividades dirixidas a todos os públicos. 

A unidade de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas organiza, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, unha xornada sobre o bo uso dos medicamentos que terá lugar o vindeiro 15 de marzo a partir das 16:30 horas Será impartida por Ana Hermida Cao, farmacéutica da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago. O prazo para inscribirse no Concello ou no Auditorio estará aberto ata o día 8.

O sábado 15, entre as 17:30 e as 20 horas, celebrarase un festival solidario para recadar fondos para a loita contra o cancro infantil, con entradas a 3 euros. O venres 22 a biblioteca municipal de Cordeiro acolle un novo obradoiro no que os nenos participantes crearán os seus propios monicreques. E, por último, o sábado 23 o coro Liceo de Vilagarcía ofrece un concerto de zarzuela con entradas a 5 euros.

programación MARZO 2019

Volver