Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Participaron alumnos de Secundaria do IES de Valga, os CPI de Dodro, Pontecesures e Catoira e un instituto de Padrón

- A actividade foi promovida por Editoral Galaxia

LanguagePlanning1

Valga, 28 de febreiro de 2019.

Estudantes de Educación Secundaria de cinco centros educativos de Valga e da contorna asistiron esta mañá no Auditorio Municipal á representación teatral “Language Planning”, a cargo da compañía Os Quinquilláns, unha adaptación da obra literaria “Made in Galiza” de Sechu Sende, centrada na situación sociolingüística de Galicia.

O espectáculo de Os Quinquilláns, cos actores Lucho Penabade e Tero Rodríguez, destacou por ser unha montaxe participativa con carácter cómico e retranqueiro, empregando a risa como ferramenta para tratar distintos aspectos da lingua galega e do seu uso cotiá.

Dous  membros da LP -Language Planning- chegan a terras galegas coa finalidade de acabar co seu conflito lingüístico mediante a imposición dunha nova orde lingüística mundial. Non contaban coa rebelión das Tribos da Retranca, imposibles de guiar polo camiño marcado.

A actividade foi promovida pola Editorial Galaxia e reuniu a uns 220 estudantes do IES de Valga, CPI de Dodro, CPI Pontecesures, CPI Progreso de Catoira e IES Macías O Namorado de Padrón.

LanguagePlanning2 LanguagePlanning3

 

Conferencia de Montse Fajardo no instituto

Tamén en clave educativa, o IES de Valga acolleu na mañá de onte unha conferencia da escritora e xornalista Montse Fajardo, que falou sobre memoria histórica ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato. A charla “A Galicia de 1936: as mulleres represaliadas” foi organizada polo departamento de Xeografía e Historia do instituto e nela a relatora salientou o papel das mulleres como “transmisoras da memoria” e a súa importancia á hora de coñecer o acontecido durante a Guerra Civil e a posguerra.

“A verdadeira historia foi contada polas mulleres que sobreviviron ao golpe do 36 e aos anos da guerra”, dixo a xornalista.

Montse Fajardo

Volver