- Realizáronse obras en Vilarello, A Torre e Cernadas e os operarios continúan agora en Campaña
- Estas actuacións dan solución ás fugas e roturas detectadas debido á antigüidade da rede
Valga, 27 de febreiro de 2019.
O Concello de Valga está a executar obras de mellora da rede municipal de abastecemento de auga en zonas nas que a antigüidade da anterior infraestrutura motivaba roturas e pequenas avarías.
É o caso das Cernadas, Vilarello ou A Torre, onde nas últimas semanas se levaron a cabo traballos de retirada das vellas tubaxes para substituílas por outras novas. As actuacións continúan actualmente na zona de Campaña. Dende hai días veñen realizándose as obras de apertura de gabias e na mañá de hoxe os operarios están a colocar as novas tubaxes para o subministro de auga aos fogares.
Por este motivo, foi preciso proceder a un corte no servizo de abastecemento dende as 9 horas da mañá. Agárdase que arredor das 13:30 do mediodía rematen os traballos e os veciños recuperen o subministro.
Con estas obras o Concello quere optimizar o servizo de abastecemento que presta á cidadanía e dar solución aos problemas detectados nestes puntos debido á antigüidade da rede e ao seu deterioro polo paso do tempo.