- Á conferencia “A Galicia de 1936: as mulleres represaliadas” asistirá alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato
- A actividade é organizada polo departamento de Xeografía e Historia do instituto
Valga, 26 de febreiro de 2019.
A xornalista a escritora vilagarciá Montse Fajardo ofrecerá unha conferencia sobre memoria histórica no IES de Valga á que asistirá alumnado de 4º curso da ESO e de 1º de Bacharelato. A charla, titulada “A Galicia de 1936: as mulleres represaliadas”, é organizada polo departamento de Xeografía e Historia do instituto.
Montse Fajardo é unha grande especialista en memoria histórica. Forma parte do equipo redactor do programa “A memoria das mulleres”, promovido pola Concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica do Concello de Pontevedra. É tamén autora dos libros “Matriarcas. Mulleres en pé de vida”, “Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu”, “Invisibles. Relatos do maltrato” e “O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros”.
Foi comisaria da exposición itinerante “Reixas, mulleres baixo o terror franquista”, que puido verse no Auditorio Municipal durante o pasado mes de outubro. En 2018 gañou a II edición do Premio de Xornalismo "Lueiro Rey", que organiza o Concello de Fornelos de Montes, co seu artigo "O universo de Carlos", protagonizado por un neno con autismo.