Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Durante un dos recreos tivo lugar a estrea das escaleiras grafadas cos versos que a autora lle adicou a Valga

- “Poucos lugares poden presumir de saír na obra dunha das grandes poetas do século XIX”, destacou o vicedirector do IES

IESRosalía1

Valga, 21 de febreiro de 2019.

O IES de Valga inaugurou este mediodía as actividades con motivo Día de Rosalía, que se conmemora o vindeiro domingo 24 coincidindo co aniversario do nacemento da autora do Rexurdimento. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o convidado de excepción ao acto que se desenvolveu durante o recreo e no que se estrearon as escaleiras grafadas cos versos que a poeta lle adicou a Valga: “Vexo Valga á beira hermosa / dun camiño todo prata, / casta virxe candorosa, / sentadiña en chan de rosa, / vestidiña de escalrata”.

“Poucos lugares poden presumir de saír na obra dunha das grandes poetas do século XIX”, destacou Eliseu Mera, vicedirector do IES. “Rosalía apropiouse destas terras, da Terra de Iria. Se falamos de Padrón, de Lestrove, de Laíño, de San Lois ou de Valga, falamos de Rosalía de Castro”, engadiu Anxo Angueira.

O presidente da Fundación felicitou ao IES por sumarse ás actividades de homenaxe á escritora, non só decorando as escaleiras principais cos seus versos, senón tamén cunha escolma das súas obras na biblioteca e coa elaboración do “Caldo de gloria” que se servirá mañá de xeito gratuíto na cafetería do centro e que está inspirado en “Miña casiña, meu lar”. Este poema é un retrato das mulleres de antano “que nos alimentaron e que, nas condicións máis adversas, foron felices. Rosalía dinos de onde vimos e cales foron as nosas orixes”.

Angueira remarcou que durante os vindeiros días toda Galicia será un fervedoiro de actividades en torno á figura de Rosalía de Castro. “Celebrade a Rosalía con alegría”, pideu á comunidade educativa do IES. “Celebrade que con ela naceu unha esperanza e unha ilusión para Galicia; naceu a dignidade da nosa lingua e da nosa terra”.

IESRosalía2 IESRosalía3

         IESRosalía4                       IESRosalía5

IESRosalía6

Volver