- O acto terá lugar o sábado 9 de marzo no Auditorio Municipal
- O mundo do automóbil estivo tradicionalmente dominado por homes e as mulleres que querían obter o permiso tiñan que presentar autorización paterna ou marital
Valga, 20 de febreiro de 2019.
O Concello de Valga está a organizar os actos conmemorativos con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Nesta ocasión, realizarase unha homenaxe a todas aquelas mulleres do municipio que sacaron o carné de conducir antes de 1975 ou nese mesmo ano. Hai que ter en conta que o mundo do automóbil e da automoción, en xeral, estivo tradicionalmente dominado por homes, relagando á muller a un segundo plano. Co agravante de que antano se unha muller quería sacar o carné de conducir tiña que presentar autorización paterna ou marital para poder obtelo.
Con esta iniciativa, o Concello quere recoñecer ás valguesas que foron pioneiras no mundo da automoción e, co obxectivo de que a homenaxe se faga extensiva ao maior número de persoas, tense emitido un bando no que se solicita a todas as mulleres que entran dentro deste grupo que se poñan en contacto co Concello chamando a número de teléfono 986 55 94 56.
O acto de recoñecemento terá lugar o sábado 9 de marzo ás 20 horas no Auditorio Municipal.