Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Este venres, 22 de febreiro, poderán visitarse todas as unitarias en horario lectivo e o martes 26 terá lugar unha reunión en Campaña

- As solicitudes de admisión para o vindeiro curso poderán presentarse entre o 1 e o 20 de marzo

ESCOLAVILARELLO

Valga, 19 de febreiro de 2019.

O Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga organiza unha xornada de portas abertas co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e tamén o proxecto educativo que se desenvolve nas escolas unitarias de Campaña, Ferreirós, Vilarello, Xanza, Chenlo e Forno, nas que se imparte segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 5 anos).

O vindeiro venres, 22 de febreiro, poderán visitarse as escolas en horario lectivo, das 12 ás 12:45 da mañá, sen que sexa necesario ningún tipo de inscrición previa. Nesa mañá os asistentes poderán coñecer a actividade que se desenvolve dentro das unitarias e como é a dinámica educativa da man de cada unha das titoras. Á semana seguinte, o martes día 26, terá lugar ás 16 horas na escola de Campaña unha reunión informativa sobre o proceso de matrícula e o proxecto educativo do CRA.

Nesta actividade poden participar familias, tanto de Valga como doutras localidades, interesadas en matricular aos seus fillos ou, simplemente, en coñecer o funcionamento do CRA e das seis escolas que o integran, que contan neste curso cun total de 55 nenos matriculados, o que supón unha media de 9 alumnos por unitaria.  O prazo para presentar as solicitudes de admisión para o vindeiro curso 2018/2019 estará aberto entre o 1 e o 20 de marzo.

Coa mesma estructura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente familiar que facilita a adaptación dos nenos. O seu modelo metodolóxico baséase no traballo por proxectos e a coordinación entre os titores, os mestres especialistas e o persoal de apoio, con atención personalizada e individualizada do alumnado. Ademais, conta cun Departamento de Orientación cun especialista en Audición e Linguaxe.

As aulas mixtas favorecen a aprendizaxe e o traballo en equipo durante a xornada lectiva, que se desenvolve de 9 a 14 horas (xornada continua).

O proxecto educativo do CRA promove o emprego das novas tecnoloxías e inclúe, tamén, actividades complementarias e extraescolares, como excursións, festivais ou obradoiros de manualidades, contacontos e baile, entre outros. O centro mantén unha estreita colaboración coas familias, por exemplo, coa programación de actividades conxuntas coa ANPA Pequeval.

portasabertascra

 

Volver