Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Persoas de toda Galicia e doutras comunidades como Madrid déronse cita durante a fin de semana no Auditorio

- O cuarteto Thesis Quartet ofreceu un concerto no que estreou a obra “Suite Breve da Paisaxe”, que lles compuxo Juan Durán

concertoTQ2

Valga, 18 de febreiro de 2019.

As actividades formativas organizadas esta fin de semana pola Escola Municipal de Música e que se celebraron no Auditorio contaron cun total de cincuenta e cinco persoas inscritas. Trinta e cinco participaron no curso de saxofón que se desenvolveu entre o venres e o domingo e que foi impartido polo grupo Thesis Quartet, integrado polos valgueses Pablo Vigo e Roi Barros xunto a Álvaro Arias e Carlos Ordóñez.

O curso incluíu clases individuais cos membros do cuarteto, clases de música de cámara, un obradoiro de iniciación ao jazz e un taller de reparación e mantemento do instrumento. Os matriculados procedían de toda Galicia e incluso de Madrid e a grande expectación que xerou o curso obrigou a incrementar as prazas dispoñibles para dar cabida ao maior número posible de alumnos.

Ademais de impartir estas sesións de saxofón, Thesis Quartet ofreceron tamén nesta fin de semana un concerto no Auditorio Municipal no que se produxo a estrea en Galicia da obra “Suite Breve da Paisaxe”, que Juan Durán compuxo para o grupo. De feito, o compositor foi un dos asistentes á actuación, durante que a protagonizou unha intervención para explicar a súa obra e para felicitar ao Concello polo seu apoio á cultura en xeral e, en particular, á música de cámara. “Valga é durante esta fin de semana o centro neurálxico da música de cámara en Galicia”, dixo.

O compositor estivo acompañado no concerto polo director da Escola de Música, Manuel Villar, e polo alcalde, José María Bello Maneiro, que se amosou orgulloso de comprobar o lonxe que están a chegar as carreiras dos valgueses Pablo Vigo e Roi Barros, ambos ex alumnos da Escola Municipal de Música. “Son só dous exemplos da gran canteira musical que hai en Valga”, destaca o rexedor.

Master-class con Mª Agustina Perandones

Na xornada do sábado celebrouse tamén no Auditorio a conferencia master-class “A importancia da linguaxe musical na formación do músico”, á que asistiron unha vintena de persoas entre profesionais, profesores e alumnos de Grao Superior interesados na pedagoxía e na ensinanza musical.

A actividade foi impartida por Mª Agustina Perandones, pedagoga e profesora de linguaxe musical, pianista e compositora. Actualmente exerce como mestra no Conservatorio Profesional de Música Arturo Soria, é doutora en Didáctica da Linguaxe Musical pola Universidade Complutense e posúe o título de Suficiencia Investigadora en Socioloxía e Antropoloxía Social na área de música pola Universidade Autónoma de Madrid. É tamén autora de importantes publicacións como a “Nova Metodoloxía da Linguaxe Musical” ou o “Método completo da Linguaxe Musical” e os seus procedementos están implantados nos máis importantes centros de ensinanza a nivel nacional.

concertoTQ1 concertoTQ2

concertoTQ3 concertoTQ4

concertoTQ5

Volver