- Os espazos exteriores dotaranse de novos elementos e máis seguridade
- A dirección do centro organiza unha xornada de portas abertas para incentivar novas matriculacións
Valga, 12 de febreiro de 2019.
“Dinamizando patios e espazos escolares” é o nome do proxecto que dende o pasado mes de outubro ten en marcha o Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga co obxectivo de mellorar as zonas de xogo exteriores e os accesos ás escolas unitarias de Campaña, Ferreirós, Vilarello, Xanza, Chenlo e Forno.
A iniciativa é coordinada polo Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, dependente da Consellería de Educación, e atópase nunha primeira fase de diagnose á que seguirán a planificación e deseño das accións, a execución e unha avaliación final. “Ao marxe das necesidades propias de cada escola, o plantexamento é dividir os patios en tres zonas (activa, semiactiva e tranquila) e introducir novos elementos para que os nenos escollan a que queren xogar cada día”, explica o director do CRA, Manuel Abraldes, que engade que “faremos fincapé na seguridade dos espazos”.
A fase de diagnose está a piques de rematar e chega o momento de priorizar necesidades e accións concretas, por iso a semana pasada se celebrou na escola de Campaña unha reunión da comunidade educativa á que asistiron, ademais, o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez. “O centro conta con 55 alumnos e asistiron unhas 45 persoas, unha porcentaxe moi boa”, di satisfeito o director. Neste encontro “falamos de participar no programa Embelecer Valga”, de maneira que sería o Concello o que aportara todos os materiais precisos para executar os proxectos de acondicionamento.
Esta iniciativa para adecentar e dotar de maior funcionalidade aos espazos exteriores das unitarias chega despois dun período de “tres ou catro anos no que a colaboración e comunicación constante co Concello e coa ANPA permitiron mellorar o interior das escolas. Realizáronse traballos de pintado, colocouse tarima e renovouse a instalación eléctrica en Ferreirós, Vilarello e Forno”, explica Manuel Abraldes. Ademais, esta semana, o CRA recibiu da Consellería de Educación novo equipamento e material “para facer das aulas un espazo atractivo no que os nenos xoguen, experimenten e aprendan”.
Programas saudables e creativos
Ademais deste proxecto “Dinamizando patios e espazos escolares”, o CRA de Valga está a participar noutras iniciativas de fomento da vida saudable, potenciación da creatividade do alumnado e mellora da convivencia. Dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación, as escolas valguesas están adheridas ás iniciativas “Aliméntate ben” de fomento do consumo de froitas e productos lácteos; “Centros activos e saudables”, coa introducción de xogos tradicionais nos recreos e momentos de ocio; e “Nós tamén creamos”, na que gravarán un vídeo de animación con bonecos feitos polos nenos.
Por último, o CRA tamén está adscrito aos Contratos Programa da Xunta, que lle outorgou un financiamento de case 2.000 euros para o desenvolvemento de actividades de convivencia entre os alumnos das distintas escolas. Unha vez ao mes celebran xornadas de convivencia (a próxima será este venres en Campaña), tamén se organizan excursións a cidades como Santiago ou Pontevedra e incluso se proxectan actividades de conciliación.
Xornada de portas abertas
Entre os días 1 e 20 de marzo estará aberto o prazo de matrícula para a incorporación de novos alumnos ao CRA, no que se imparte segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 5 anos). Para dar a coñecer as instalacións e o proxecto educativo do centro, a dirección organiza unha xornada de portas abertas para as familias interesadas.
O venres 22 de febreiro, entre as 12 e as 12:45 horas, poderanse visitar as diferentes escolas en horario lectivo para comprobar como se desenvolve a actividade educativa. E uns días máis tarde, o 26, terá lugar un encontro na escola de Campaña ás 16 horas.