- O proxecto, que foi adxudicado á empresa Marconsa, finánciase con 383.154 euros dun préstamo da Caixa de Anticipos da Deputación
- Estanse a mellorar dez viais na parroquia de Cordeiro, cinco en Setecoros, outros cinco en Xanza e catro en Campaña
Valga, 7 de febreiro de 2019.
O Concello de Valga está a investir 383.154’27 euros no proxecto “Pavimentación de estradas municipais”, que inclúe traballos de mellora e asfaltado nun total de vinte e catro viais.
Dez destas estradas atópanse na parroquia de Cordeiro: Canle, o vial Moldes-Carracido-Laxes, Ferreirós, Vilarello, Barro-Barcia, Loncras, Forno, Cotriños-Beiro, Eiras-Vilar e Forno-Barcia. Cinco están en Setecoros (Bronllo, Cerneira, Cernadas, Louro e Magariños-Cruceiro) e outras cinco en Xanza (dúas en Senín, Parafita, Baño e a pista da Tomada, fronte ao campo de fútbol vello). Por último, en Campaña, estanse a acondicionar catro viais: O Coto-Souto, dous na Torre e outro na zona da igrexa.
Trátase de estradas que se atopaban en malas condicións para a circulación debido, principalmente, ao desgaste propio do seu uso e tamén a arrastres como consecuencia das chuvias dos últimos invernos. As obras foron adxudicadas á empresa Marconsa e consisten na limpeza do firme e das marxes, con apertura de cunetas, e a posterior pavimentación con mestura bituminosa en quente de catro centímetros de espesor.
O financiamento das obras provén dun préstamo da Caixa de Anticipos da Deputación.