- O alcalde e a presidenta do colectivo inauguraron a mostra, que pode verse ata o día 20 de febreiro
- Reúne cadros de nove socias que participan na actividade de pintura
Valga, 5 de febreiro de 2019.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a presidenta da asociación de Mulleres Rurais Albor, Rosa Crespo, inauguraron onte pola tarde no Auditorio Municipal a exposición “Pintando Emocións”, que reúne cadros de nove socias do colectivo: Carmen Vejo, Carmen Souto, Carmen Gondad, Loli Fuentes, Liliana Fernández, Mónica Esperón, María Jesús Mosteiro, Elena Nogueira e Carmen Romarís, a máis moza con tan só 11 anos. As nove asisten asiduamente ás clases de pintura organizadas por Albor e que imparte a propia Rosa Crespo.
“Pintando emocións” é unha mostra “moi colorista, moi acorde ao meu estilo”, destaca a presidenta. Predomina a pintura realista, aínda que tamén hai algún cadro abstracto. O alcalde felicitou ás autoras das obras polos seus traballos, xa que “teñen moito mérito” e animounas a “seguir disfrutando da pintura”. Bello Maneiro salientou, ademais, que a sala de exposicións do Auditorio xa conta con reservas para todo o ano 2019 e parte do 2020.
Ademais das clases de pintura, a asociación de Mulleres Rurais Albor organiza outras actividades como manualidades, taichí, ximnasia de mantemento e a Mostra da Camelia “Bella Otero”, que este ano cumpre a súa XIII edición e se celebra os vindeiros 23 e 24 de febreiro. O colectivo conta con máis de oitenta socias que se reúnen periódicamente para participar en excursións, comidas ou reunións.