- Cinco patas de porco e numerosos veciños acompañaron a San Antonio, San Roque e San Paio no traxecto entre Vilar e a igrexa parroquial
- Os prezos das pezas de carne oscilaron entre os 45 e os 80 euros na subasta
Valga, 2 de febreiro de 2019.
Cumprindo coa tradición no día da Candeloria, a Procesión dos Lacóns percorreu esta mañá os lugares de Vilar, Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro encabezada polas mulleres que portaban sobre as súas cabezas cestas con cinco patas de porco e coa participación de numerosos veciños que acompañaron a San Antonio, San Roque e San Paio no seu camiño cara a igrexa parroquial de Cordeiro. Non faltou a música tradicional da man do grupo de gaitas “Os demos da petaca”, de Ribadumia.
Ás dez da mañá o párroco Arturo Lores oficiou unha misa na capela de San Paio de Vilar e, a contiuación, saiu a longa procesión con tres lacóns. Na primeira parada, en Vilarello, sumáronse outras dúas patas de porco máis, ata completar as cinco que se poxaron a mediodía no adro da igrexa.
Unha salva de bombas anunciaba a chegada da procesión a cada unha das aldeas. En Vilarello e As Eiras os veciños engalanaron senllas mesas cubertas con mimosas, camelias e cruces feitas con laranxas nas que repousaron os santos mentras o paso descansaba e as mulleres que o guiaban collían folgos. En Ferreirós, recibíronos cunha merenda con galletas, anís e viño doce.
Á chegada á igrexa de Santa Comba de Cordeiro a procesión deu unha volta completa ao templo antes de que os tres santos e as ofrendas accederan ao interior. A continuación celebrouse a misa solemne que deu paso á subasta dos lacóns. Vendéronse un por 45, dous por 65 e os restantes por 70 e 80 euros, recadándose un total de 325 euros para a parroquia.
A Procesión dos Lacóns é unha das tradicións relixiosas máis senlleiras de cantas se celebran en Valga e a súa orixe remóntase ao século XIX, cando unha epidemia de peste afectou ao gando e provocou que os veciños comezasen a facer estas ofrendas aos santos. O día 25 de xaneiro, festividade de San Paio, San Antonio e San Roque trasládanse dende a igrexa de Cordeiro ata a capela de Vilar como homenaxe ao patrón desta aldea. Alí permanecen durante máis dunha semana, ata o día da Candeloria, cando San Antonio e San Roque regresan en procesión ata o templo de Cordeiro co acompañamento de San Paio.