Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- José María Bello Maneiro acompañou a directivos e traballadores da empresa no acto organizado pola Asociación Española de Profesionais da Automoción

- Urovesa, referencia mundial no deseño e fabricación de vehículos especiais todo terreo, dá emprego en Valga a duascentas persoas

uro asepa1

Valga, 2 de febreiro de 2019.

O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu onte en Madrid ao acto de recoñecemento de José Sierra Fernández, fundador e presidente de honra da empresa Urovesa, como “Personaxe ilustre da automoción española”, un galardón outorgado pola Asociación Española de Profesionais da Automoción (Asepa) no marco do XXII Forum da Automoción Española, que se celebrou durante toda a xornada na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais.

O Forum dividiuse en dúas partes. Pola mañá tivo lugar unha xornada técnica na que se trataron aspectos como a innovación en vehículos especiais 4x4 e  as novas tendencias en vehículos militares. E, xa pola tarde, celebrouse o acto solemne de recoñecemento ao Personaxe Ilustre da automoción española, que contou coas intervencións de Francisco Aparicio, presidente de Asepa; Óscar García, director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais; e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que conectou por videoconferencia ao non poder trasladarse, como tiña previsto, a Madrid. Feijóo realizou a “laudatio” de José Sierra. Tamén participou Galo Gutiérrez, director xeral de Industria e Pemes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e a clausura correu a cargo do reitor da Universidade Politécnica de Madrid, Guillermo Cisneros.

Entre os asistentes ao acto atopábanse directivos de Urovesa e traballadores da empresa. Estes últimos desprazáronse en autobús á capital, non sen certas dificultades debido ás nevaradas que están a afectar á meseta­. Tamén acudiron representantes doutras industrias valguesas como Extrugasa ou ODL.

O nomeamento como Personaxe Ilustre da automoción española  é, en palabras de José Sierra, “un premio a todo o equipo que integra Urovesa, o resultado dun gran esforzo e implicación por parte dos traballadores e colaboradores da empresa para garantir aos usuarios e clientes o mellor servizo e os mellores avances tecnolóxicos que sitúen aos nosos vehículos á vangarda. É tamén un recoñecemento á boa xestión e aos vehículos que facemos en Valga, que están acreditados en máis de trinta países de todo o mundo, dende Indonesia ata Chile”.

Urovesa, fundada en 1981 e adicada ao deseño e á fabricación de vehículos especiais todo terreo, tense convertido nos seus case 40 anos de traxectoria en referencia mundial no seu sector. Fai catro anos trasladou a súa sede central a Valga, onde conta cunha fábrica que dá traballo a unhas duascentas persoas. Tralo acto, o alcalde amosou a súa satisfacción porque o nome de Valga soe forte en Madrid e por un motivo como é a creación de emprego, actividade industrial e riqueza no municipio.

uro asepa2 uro asepa3

uro asepa1                  uro asepa4

Volver