- As iniciativas subvencionables e a porcentaxe de axuda pode consultarse na páxina web do GDR ou a través do teléfono 986 74 49 09
- O Leader 2014-2020 ten como principal obxectivo a creación de emprego e o asentamento de poboación no rural
Valga, 1 de febreiro de 2019.
O Auditorio de Valga acolleu esta mañá unha charla informativa promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural para informar sobre as axudas do programa Leader 2014-2020, das que poden ser beneficiarios calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación do GDR Salnés Ulla-Umia, por exemplo comunidades de montes en man común, entidades públicas de carácter local ou persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.
O programa Leader é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 impulsado pola Unión Europea e que ten como principais obxectivo asentar poboación no rural a través da creación de emprego e de riqueza.
As iniciativas subvencionables polo Leader 2014-2020 abarcan investimentos no sector da produción agraria primaria; en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais; investimentos que supoñan a diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias; creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias; ou investimentos en proxectos non produtivos. En xeral, os gastos subvencionables comprenden: construción, adquisición e mellora de bens inmobles, instalacións e compras de maquinaria, equipamento e material funxible, adquisición de terreos non edificados e custos xerais como estudos técnicos, gastos de proxectos, dirección de obra, estudos de viabilidade, patentes ou licencias.
Para os proxectos produtivos a porcentaxe mínima de axuda é do 15% e a máxima do 50%. Para os proxectos non produtivos a axuda mínima é do 30% e a máxima do 90, 70 ou 50% dependendo de se se trata dun proxecto de prioridade alta, media ou baixa. A presentación das solicitudes farase ao longo de todo o ano, establecéndose dúas bolsas anuais con data de 31 de marzo e 31 de maio onde os proxectos participan en concorrencia competitiva.
Pode obterse máis información e a documentación necesaria para presentar as solicitudes de axuda nas oficinas do GDR en Vilalonga (Sanxenxo), onde o equipo técnico do Grupo de Desenvolvemento presta os servizos de asesoramento e información. Tamén se pode contactar cos técnicos a través dos teléfonos 986 74 49 09 ou 650 255 914 e no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Hai máis información dispoñible na páxina web do GDR: http://gdrsalnesullaumia.com.
No transcurso da charla explicáronse algúns dos proxectos que xa están a desenvolverse con fondos do Leader 2014-2020, entre eles dous en Valga. Un é promovido polo Concello e consiste no acondicionamento dun local nos exteriores do edificio do CODI e a adquisición e instalación dun forno de cerámica para a posta en marcha dun obradoiro co que se ampliará a oferta de actividades do centro para persoas con discapadidade co obxectivo de seguir mellorando a calidade de vida dos seus usuarios. O orzamento ascende a 40.592 euros e a axuda aprobada polo GDR é de 30.687’55, o que supón o 75’60% do custo total. Esta iniciativa foi a que obtivo unha maior puntuación entre todos os proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas locais do ámbito do GDR. Na baremación tívose en conta, entre outros factores, que o CODI presta un servizo de carácter supramunicipal a usuarios de toda a comarca e a repercusión que a súa actividade ten para a mellora da calidade de vida e a integración das persoas con discapacidade.
O segundo proxecto que se está a financiar en Valga con fondos europeos do Leader é a adquisición, reforma e acondicionamento dun local para oficina de farmacia, que conta cunha subvención de 13.707’78 euros sobre un orzamento total de 44.076’46.
Entre os asistentes a esta xornada estiveron os alumnos do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III, como parte da formación complementaria sobre creación de empresas que están a recibir e que incluíu tamén unha charla da técnica de emprego do Concello, María José Devesa.