- No proceso de selección participaron un total de 22 aspirantes
- Realizarán tarefas propias do persoal asignado ao servizo municipal de Obras
Valga, 29 de xaneiro de 2019.
O Concello de Valga incorpora a partir do vindeiro luns, en réxime de persoal laboral temporal, a catro novos traballadores: un condutor, un tractorista, un albanel e un carpinteiro. Trátase dunha contratación a tempo completo, por obra ou servizo e cunha duración aproximada de seis meses.
As funcións a realizar serán as propias do persoal asignado ao Servizo de Obras do Concello ou calquera outra que competa ao Servizo de Operarios públicos de administración especial, exceptuando as de seguridade.
A selección dos operarios realizouse mediante o procedemento de oposición, ao que concorreron un total de 22 aspirantes: nove para a praza de condutor, sete para a de tractorista, cinco para albanel e só un para a praza de carpinteiro. Tiveron que realizar unha proba na que se valoraron aspectos relativos ao coñecemento dos candidatos como oficiais de 1º da praza á que aspiraban, coñecemento do municipio, dispoñibilidade de vehículo, dispoñibilidade horaria e a experiencia.
Ademais, para tomar parte na selección debían cumprir outra serie de requisitos. Entre eles, posuir a capacidade funcional para o desempeño das tarefas, ter cumpridos 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa, non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración Pública nin se achar en situación de inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, e dispor de carné de conducir C no caso da praza de condutor.
O tribunal cualificador outorgou as maiores puntuacións a José Manuel Devesa Busto (condutor), Adolfo Rubén Senín Montáns (tractorista), Jorge Sanmarco Fernández (albanel) e Juan Carlos Eiras Tubío (carpinteiro).