Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

José Sierra Fernández (Viveiro, 1941), fundador e actual Presidente de Honra da empresa Urovesa, recibirá o vindeiro venres o premio “Personaxe ilustre da automoción española” que, con carácter anual, concede a Asociación Española de Profesionais da Automoción (Asepa).

O acto, que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, en Madrid, contará coa asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o director xeral de Industria e Pemes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Galo Gutiérrez Monzonís, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro.

josesierra1

Valga, 28 de xaneiro de 2019.

- Que supón para Urovesa e para vostede, en particular, recibir este premio por parte do sector da automoción?

- É un premio a todo o equipo que integra Urovesa, o resultado dun gran esforzo e implicación por parte dos traballadores e colaboradores da empresa para garantir aos usuarios e clientes o mellor servizo e os mellores avances tecnolóxicos que sitúen aos nosos vehículos á vangarda. É tamén un recoñecemento á á boa xestión e aos vehículos que facemos en Valga, que están acreditados en máis de trinta países de todo o mundo, dende Indonesia ata Chile. Na actualidade temos contratos para subministrar vehículos en España e tamén para a exportación a países de Oriente e América.

- Que leva a un industrial a elixir un sector tan particular como o dos vehículos especiais cando decide fundar a súa propia empresa?

- Eu xa tiña experiencia. Durante 14 anos fora director xerente da empresa Mafsa, adicada á fabricación de camións todo-terreo para traballar en explotacións madeireiras. No ano 1981 naceu a marca URO, de vehículos con características máis avanzadas e con máis capacidades de mobilidade. Eliximos inicialmente Santiago como ubicación pero hai catro anos e debido, fundamentalmente, á falta de espazo, viñemos para Valga. Decidímonos por este municipio polas facilidades que atopamos para ubicarnos aquí e pola disposición do Concello para favorecer o asentamento de industrias.

Nestes catro anos a evolución ten sido moi positiva e satisfactoria. Comezamos cunha nave que xa se ampliou, pasamos de menos de 50 traballadores a os 200 actuais e estamos na senda de máis crecemento. En canto ao persoal temos unha grande satisfacción pola disposición ao traballo das persoas que contratamos, pola súa calidade e, nalgúns casos, con experiencia no manexo de compoñentes do metal. É indudable que en Valga hai un ambiente industrial que eu, persoalmente, non me imaxinaba. O feito de que aquí haxa instaladas outras empresas importantes xera unha cultura de traballo que, sumada á disposición do Concello para apoiar a instalación e o cremento das industrias, fai que estemos moi satisfeitos de ter elixido esta ubicación.

- Cal é a actividade concreta que se realiza na súa fábrica de Valga?

- Nós somos ensambladores de pezas ou produtos que, ou ben se fabrican dentro da propia marca URO, ou se compran a proveedores. É un traballo de montaxe moi manual, moi personalizado e acorde á demanda do cliente, que é o que nos distingue das grandes empresas. Esta é a principal característica de Urovesa, ademais da gran carga de tecnoloxía que levan os nosos vehículos. A especialización dos enxeñeiros do noso departamento técnico vai moito máis alá do coñecemento reglado que poida saír da universidade. Requírese dun coñecemento moi específico que esixe un período non cUrto de aprendizaxe e especialización técnica dentro da propia empresa.

En definitiva, ocupamos unha parcela na que non se meten os grandes, ao tratarse de vehículos moi especiais e personalizados, e á que non poden chegar tampouco empresas máis pequenas porque a tecnoloxía que levan estes vehículos é inalcanzable para elas.

- Que diferencia un vehículo URO do de outro fabricante?

- Nós adaptámonos totalmente ao cliente. Chegamos a ter máis de 60 versións diferentes dun mesmo vehículo, xa que está preparado para recibir equipos complementarios do máis variado. Deste xeito damos resposta ao que precisan o cliente e o usuario. Tamén diferencian aos nosos vehículos os sistemas de tracción, moi distintos aos dun vehículo convencional, para poder soportar as agresións de terreos moi abruptos, moverse sobre chans deslizables ou circular sumerxidos, incluso en auga do mar. Basta con que unha soa roda dos nosos vehículos teña adherencia para que poidan moverse con plena carga por zonas de moi difícil acceso ou circulación. Por exemplo, vehículos URO teñen sido utilizados para o rescate de persoas en inundacións en zonas ás que non podían chegar vehículos convencionais e nas que tampouco podían empregarse medios aéreos debido á vexetación existente.

uro2

- O seu principal mercado é militar, pero Urovesa está cada vez máis introducida no sector civil con aplicación como vehículos policiais e de emerxencias, máquinas quitaneves, recollida de lixo, mantemento de liñas férreas, por citar só algúns exemplos.

- O crecemento na demanda de vehículos para defensa vai en paralelo ao crecemento da demanda para usos civís. Hai que ter en conta que o desenvolvemento tecnolóxico destinado a defensa é moi esixente e aporta solucións moi novidosas que poden ter tamén aplicación nos vehículos civís. O que é importante destacar e que nós non tocamos as armas.

- Cal é para vostede a clave do éxito de Urovesa?

- Basease en tres factores: deseñar vehículos multipropósito, desenvolver tecnoloxías para dotar a estes vehículos de mobilidade en calquera tipo de circunstancia e un servizo de asistencia técnica directo e moi eficaz co obxectivo de que os nosos vehículos estean permanentemente activos, podendo chegar a uns 20 anos de vida útil.

- Por último, cales son os plan de futuro para a súa fábrica de Valga?

- Os nosos proxectos de futuro enmárcanse dentro de estratexias flexibles para adaptarnos en cada momento ás necesidades e requerimentos do mercado. Sabemos a onde queremos chegar, pero as metas que nos marcamos son curtas e alcanzables.

josesierra2 uro1

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver