- O goberno municipal está á espera de que estes proxectos sexan aprobados pola Deputación de Pontevedra
- A Valga correspóndenlle 538.232 euros deste plan en base a criterios obxectivos como a poboación ou a superficie
Valga, 26 de xaneiro de 2019.
O Concello de Valga financiará con fondos da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2019, os proxectos de mellora da climatización no Auditorio Municipal, o ensanche do camiño Montiño-Devesa e o subministro de electricidade ao depósito de auga de Cerneira. Estas actuacións suman un investimento de 174.449’69 euros do total de 538.232’16 euros que lle corresponden ao Concello de Valga en base a criterios como a poboación e a superficie, entre outros. O goberno local está a agora expensas de que os tres proxectos sexan aprobados pola Deputación.
A mellora da climatización no Auditorio Municipal, un proxecto cun orzamento de 81.376’21 euros, suporá a instalación de dúas unidades enfriadoras exteriores e da rede de condutos de distribución de aire interiores para dar servizo á sala principal do Auditorio e á zona de camerinos, mellorando as condicións térmicas, sobre todo na época estival.
O proxecto para ensanchar e mellorar as condicións do camiño Montiño-Devesa, na parroquia de Campaña, ten un orzamento de 45.882’28 euros. As obras a realizar consisten na demolición de varios muros e cobertizos limítrofes co camiño e a súa reconstrución na aliñación correspondente para, posteriormente, pavimentar a totalidade do trazado. A ampliación do vial mellorará as condicións de circulación e seguridade para os usuarios e dotará ás vivendas existentes dun acceso apropiado.
A terceira actuación é o subministro de electricidade ao depósito de auga de Cerneira (Setecoros), na que se investirán 47.191’20 euros. Executaranse as canalizacións subterráneas con tubaxe de polietileno de alta densidade de 160 milímetros de diámetro interior, ademais dos correspondentes pozos de rexistro.