Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

O 23 de xaneiro de 1969, fai hoxe 50 anos, celebrábase no Teleclub a asemblea fundacional do Cordeiro Club de Fútbol. A entidade, que hoxe conta con 207 xogadores en oito categorías diferentes e uns 300 socios, daba os seus primeiros pasos da man dun grupo de afeccionados ao balompé. Á cabeza estaba Constantino Campaña Tojo, o primeiro presidente da historia do Cordeiro e socio número 3.

tinocampaña1

Valga, 23 de xaneiro de 2019.

- Cales foron as circunstancias que desembocaron na constitución do Cordeiro C.F.?

- En Valga existía daquela un equipo de fútbol, o Racing, un grupo de amigos que disputabamos partidos de afecciondos e que foi a orixe do Cordeiro. Cando me propuxeron ser presidente puxen como condición que o club se chamara Valga C.F. ou Cordeiro C.F. e, por unanimidade, elixiuse o nome de Cordeiro. Aqueles foron momentos de moitísimo traballo, moito papeleo e toma de decisións. Por exemplo, elixir a cor do uniforme. Eu dixen: branco, como o Real Madrid. Tamén houbo que inscribir ao club na Federación Galega de Fútbol para poder participar en competicións oficiais e dotar ao campo de vello de Baño de condicións para xogar os partidos. Tiven a sorte de contar cun grupo de colaboradores estupendo, moi traballadores e con ansia para poder sacar adiante todo isto.

ActaCordeiro

 

- Hoxe o Concello de Valga conta con instalacións deportivas de primeiro nivel ao servizo de todos os equipos do municipio. Nada que ver con aqueles campos de hai medio século, non si?

- Antes de fundarse o Cordeiro, no campo vello de Baño xogaba os seus partidos o Ulla. O recinto estaba sen cerrar. O peche construíuse con bloques e cemento pagados a prazos e man de obra aportada polos veciños, que se xuntaban os sábados para ir a traballar. Cando se formou o Cordeiro creouse unha pequena polémica co Ulla, porque eles querían seguir xogando nese campo, pero por lóxica correspondíalle utilizalo ao equipo de Valga. Tivemos aí un pique.

Tampouco había duchas, os xogadores íanse lavar ao río a Campaña despois dos partidos. A Federación obrigounos a instalar unhas duchas e colocamos un tubo galvanizado con varios furados. Ao abir a billa, a auga caía polos buratos e os xogadores poñíanse debaixo para lavarse. Era auga fría que se traía a caldeiros da casa dun veciño, Moncho. Este veciño tamén se encargaba de pintar o campo e lavar as camisetas e, a cambio, deixabamoslle que levara a cantina.

- E no aspecto deportivo, había un equipo competitivo naqueles inicios?

- Conseguimos formar un equipo que hoxe sería un bo Terceira División. No ano 1972 quedamos campións do trofeo Sarmiento Birba, gañámoslle ao Sar en Padrón. Entre os xogadores da primeira época estaban Raúl, Paco Xirome e Gómez, de Caldas, que eran porteiros; de defensas Ramón de Carlos, Manolito de Nido e Sito Castaño. Tamén estaban Rogelio de San Miguel, Piñeiro que era bastante forte, Chico, Baleirón ou o que foi alcalde de Caldas, Tobío. Había bos xogadores.

tinocampaña2

- Eran tempos nos que escaseaban os recursos económicos. Como se xestaban as fichaxes dos xogadores?

- Cartiños non había e, ademais, o club non tiña axudas. Fichábase a base de labia e de conquista, ata temos ido a algunha romería a buscar un xogador. Despois de cada partido, dabamoslle aos futbolistas un bocadillo e unha cervexiña e todos contentos.

- Había afección ao fútbol entre os veciños de Valga? Adoitaban asistir aos partidos?

-  Xuntábase público. Aínda lembro a canto se vendían as entradas: 10 pesetas os homes, 5 pesetas as mulleres e gratis os nenos. Cando xogabamos fóra, normalmente mobilizabamos dous ómnibus entre xogadores e afeccionados. Chegabamos a calquera campo e a maioría eramos xente de Valga.

- Porque decidiu deixar a presidencia do club?

- Estiven oito ou dez anos de presidente e todo cansa. Celebramos unha reunión  e decidiuse que me relevara José Andrés Castro Figueira, que estivo máis de corenta anos na Presidencia do Cordeiro. Eu seguín sendo socio e aínda estou ao tanto da actualidade do club, procuro mirar todas as semanas no periódico os resultados dos equipos das distintas categorías e algúns van moi ben. O que tiña que crearse agora é un equipo feminino. Xa hai rapazas entrenando nalgunhas categorías, polo que xa hai un comezo.

tinocampaña3

Volver