- Na excursión participaron preto de trinta integrantes do colectivo
- O Belén Artesanal recibe ata setembro a grupos organizados
Valga, 21 de xaneiro de 2019.
Vinte e cinco integrantes da asociación Amigos do Belén participaron a pasada fin de semana nunha excursión a León para coñecer algúns dos nacementos de máis sona desta provincia, que conta cunha notable tradición belenista.
Os excursionistas, entre eles a presidenta da asociación e concelleira de Cultura, Mari Carmen Castiñeiras, partiron de Valga o venres ao mediodía e a súa estancia en terras castelás prolongouse ata o domingo á tardiña. Na xornada do sábado visitaron dous nacementos, o Belén Mecánico de Villamuñío e o Belén Artístico de Villamañán. O primeiro foi creado hai máis de vinte anos por un particular, ferreiro de profesión, no seu propio taller e na actualidade conta cunhas duascentas figuras, das que case a metade son mecanizadas. O nacemento de Villamañán é obra da Asociación Belenista que leva o nome desta localidade e pode visitarse na igrexa do Salvador. Conta tamén cunhas 200 pezas.
O domingo, os membros de Amigos do Belén desprazáronse ata a comarca do Bierzo para visitar o Nacemento Artesano de Folgoso de la Ribera, unha montaxe con 55 anos de historia que alcanza os 98 metros cadrados de superficie e conta, entre as súas pezas, cun máis dun cento de figuras con movemento. É un dos emblemas do Nadal leonés.
Todos os anos, unha vez rematado o prazo de apertura ao público do Belén Artesanal en Movemento, a asociación Amigos do Belén organiza unha viaxe para coñecer algunhas das composicións e montaxes de máis sona da Península.
Hai que recordar que ata o mes de setembro o Belén Artesanal aínda recibe visitas de grupos organizados, que deben solicitar cita con anterioridade no número de teléfono 630 95 25 15.