- Parte da recadación destinarase a financiar as actividades da asociación de persoas con discapacidade Asdivalu
- “Non contábamos con este éxito e estamos moi agradecidos”, di Pedro da Devesa, director, guionista e protagonista da comedia
Valga, 21 de xaneiro de 2019.
Cheo ata a bandeira. A estrea da obra de teatro “Deus nos colla confesados” non deixou unha butaca libre no Auditorio Municipal e congregou a máis de 530 persoas que, durante case dúas horas, riron sin parar con esta disparatada comedia coa que se recadaron fondos para a asociación de persoas con discapacidade Asdivalu. “Foi un exitazo. Houbo xente que non puido vir á estrea porque dende o sábado ás 12h xa estaban as entradas esgotadas, algo sorprendente que aínda estamos asimilando”, relata Pedro da Devesa, director, guionista e un dos protagonistas da obra, producida pola compañía Zinco3 Audiovisuais.
Achaca a gran resposta do público a varios factores. A promoción que se fixo a través das redes sociais coa colaboración de persoeiros moi coñecidos do mundo do espectáculo e da televisión en Galicia, o esforzo e o traballo do equipo de Zinco3 Audiovisuais e, sobre todo, o feito de ser unha representación benéfica para axudar a financiar a actividade do colectivo Asdivalu. “A xente é solidaria e préstase moito a colaborar. Incluso houbo persoas que, ao non poder vir á función, deron igual o seu donativo. Grazas a todos conseguimos xuntar unha moi boa cantidade para Asdivalu. Aínda estamos facendo o reconto da recadación, pero chegará seguro ás catro cifras”, confirma Pedro. Ademais, engade que “o humor sempre é moi ben acollido polo público. Con tantas penas como hai e malas noticias todos os días, á xente gústalle pasar dúas horas de risas”.
“Deus nos colla confesados” é unha comedia rural protagonizada por Pedro da Devesa, Manuel Liste e Antía Castro. Está baseada nalgunhas anécdotas reais que o propio Pedro viviu durante a súa etapa como sancristán en Campaña e conta a historia dun novo cura que chega á parroquia. Alí atópase con Fito, un enterrador moi particular xunto ao que vivirá non poucas andanzas. Case en paralelo chega tamén ao lugar unha monxa moza e moderna á que envían dende o convento para realizar o seu traballo de fin de estudos. O roubo da reliquia do patrón da parroquia a poucos días da festa grande desencadea situacións disparatadas e moi divertidas.
Trala función do sábado en Valga, “Deus nos colla confesados” desprázase a Ribadumia onde esperan colleitar un novo éxito. Teñen fixada unha función para escolares o 22 de febreiro e outra o día 23 para público en xeral.