- Será impartido polos integrantes de “Thesis Quartet” entre os días 15 e 17 de febrero
- O cuarteto, cos valgueses Roi Barros e Pablo Vigo, ofrecerá ademais un concerto no Auditorio o sábado 16
Valga, 17 de xaneiro de 2019.
A Escola Municipal de Música, o Concello de Valga e a asociación Musival organizan un curso de saxofón que se desenvolverá entre os días 15 e 17 de febrero no Auditorio. Será impartido polo grupo “Thesis Quartet”, do que forman parte os valgueses Pablo Vigo (saxofón tenor) e Roi Barros (saxofón barítono) xunto a Álvaro Arias (saxofón soprano) e Carlos Ordóñez (saxofón alto).
O curso constará de clases individuais cos membros de “Thesis Quartet”, clases de música de cámara, un obradoiro de iniciación ao jazz e un taller de reparación e mantemento do instrumento. O prezo é de 80 euros para os alumnos activos. Tamén se admiten oíntes que terán acceso ás clases de música de cámara e aos talleres. Neste caso o prezo é de 60 euros. Os socios da aasociación cultural Musival poden beneficiarse dun desconto do 25%. As inscricións poden realizarse premendo no enlace https://drive.google.com/open?id=1mW5gsj1t3iljcbpnjIsSfSQgKshkqcZAJUtukg7qnlk e para obter máis información sobre a actividade tamén están dispoñibles o correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. e o teléfono 609 918 325.
Ademais de impartir o curso, “Thesis Quartet” ofrecerán nesa mesma fin de semana un concerto no Auditorio Municipal. Será o sábado, 16 de febreiro, a partir das 20:30 horas con entrada de balde para todo o público que queira asistir.
Currículo de “Thesis Quartet”
Thesis Quartet nace da inquedanza dos seus compoñentes por ampliar o seu espectro artístico en torno á música de cámara. Dende os seus comezos exploran os máis variados repertorios, dende a música antiga ata a música máis vangardista do século XXI.
Na súa formación aparecen grandes saxofonistas coma Jean-Marie Londeix, David Brutti, Joonatan Rautiola ou Ángel Luis de la Rosa compaxinados con grandes instrumentistas adicados á música de cámara coma José Manuel Álvarez ou Yuko Mizutani; ademáis de traballar con compositores coma Juan Durán ou François Rossé.
Entre as súas actuacións por toda a xeografía española destacan concertos en lugares como “CentroCentro Cibeles” de Madrid, Castelo de Peñíscola, Museo “Esteban Vicente” de Segovia, Conservatorio “Manuel Rodríguez Sales” de Leganés, Teatro Principal de Palma de Mallorca, en festivais coma “XXXVI Festival Internacional de Música de Deià” ou “VII Mallorca Saxophone Festival” e nos ciclos de concertos “MusaE”, da fundación Eutherpre, ou “Músicos con la Fundación”, da Fundación Più Mosso.
Entre os seus galardóns atópanse os primeiros premios na XVII edición do Concurso Internacional de Música de Cámara “Ciutat de Vinaròs” e no V Concurso Internacional de Música de Cámara “Ciutat de Borriana” e unha mención de Honra no III Concurso de Música de Cámara “Antón García Abril”.
Os seus próximos proxectos inclúen novas xiras por España e Centroamérica e a gravación do seu primeiro CD.