Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Un total de 4.903 peregrinos fixeron noite na pousada do Pino, 325 máis que en 2017

- O Camiño Portugués sumou case 68.000 camiñantes durante o pasado ano

Albergue

Valga, 16 de xaneiro de 2019.

As pernoctas rexistradas no albergue de Valga incrementáronse nun 7’09% no pasado ano 2018. Foron 4.903 os peregrinos que elixiron a pousada do Pino para aloxarse mentras cubrían o Camiño Portugués a Santiago, o que representa 325 estancias máis que no ano anterior, o 2017, que rematou con 4.578 pernoctas. Agosto foi o mes con máis hóspedes (877), seguido de maio (786), setembro (674) e xullo (609).

Albergue2018 1

Este incremento de estancias no albergue valgués vai parello ao aumento de peregrinos que transitan polo Camiño Portugués. No pasado ano ano foron 67.822 os camiñantes que percorreron a vía lusa a Compostela, o que supón 8.587 máis que en 2017 segundo os datos da Oficina do Peregrino. O Camiño Portugués, que discorre por Valga, consolídase así como a segunda ruta de peregrinación a Santiago máis transitada por diante dos camiños do Norte, Primitivo, Inglés, Vía da Prata, da Costa ou Muxía-Fisterra.

Os peregrinos que elixiron o albergue do Pino para facer noite representan case o 7’2% dos camiñantes totais do Camiño Portugués. A pousada valguesa, que forma parte da rede pública de albergues de Galicia xestionada pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, conta con tres dormitorios que suman en total 78 prazas e dispón, ademais, de cociña, comedor, duchas con auga quente, almacén de bicicletas, botiquín, calefacción central, sala de reunións, lavandeiría con lavadora, secadora e tendedeiro, así como un xardín con terraza. O prezo da pernocta é de seis euros por persoa e o horario de admisión é de 13 a 22 horas.

Dende que abriu as súas portas, en abril de 2011, o número de peregrinos aloxados foi en aumento. No exercicio 2012, o primeiro ano completo do que hai rexistros, os peregrinos que fixeron noite no Pino sumaron 1.744. En 2013 ascenderon a 2.329, en 2014 foron 2.552, en 2015 contabilizáronse 3.164, en 2016 chegaron a 3.512 e en 2017 os xa indicados 4.578.

Albergue2018 2

Os peregrinos de nacionalidade portuguesa, que en anos anteriores eran os máis habituais no albergue valgués, foron relegados no 2018 por alemáns e coreanos. Tamén foi salientable o número de camiñantes chegados dende a República Checa.

Volver