- Falará da súa novela “O xardineiro dos ingleses”, ambientada na Vilagarcía do século XX
- A actividade está aberta a toda a cidadanía, sen que sexa necesario formar parte da comunidade educativa
Valga, 15 de xaneiro de 2019.
O Club de Lectura do IES de Valga recibe na súa sesión deste xoves, a partir das 16:30 horas, ao escritor Marcos Calveiro, que falará aos asistentes sobre a súa obra “O xardineiro dos ingleses”, ambientada na Vilagarcía de comezos do século XX.
Nesta enigmática novela o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Alí agarda o misterio final, o dese sartego e o seu descoñecido ocupante. Cunha prosa áxil e unha trama que serpentea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados.
O autor
Marcos Calveiro é un avogado, hostaleiro e escritor nado en Vilagarcía de Arousa (1968) e residente en Vigo. Comezou a publicar de forma tardía, con máis de 35 anos, e fíxoo inicialmente no eido da literatura infantil e xuvenil. Tamén ten escrito poesía e, en 2008, publicou a súa primeira novela dirixida a un público adulto, “Festina lente”. En 2009 gañou o premio Lazarillo coa novela xuvenil “O pintor do sombreiro de malvas”, en 2015 o IX Premio Narrativa Breve Repsol con “Fontán” e en 2017 o premio García Barros con “O xardineiro dos ingleses”.
Calveiro é o segundo escritor que participa este curso no Club de Lectura do IES de Valga, que está aberto á participación de toda a comunidade educativa e de toda a veciñanza –aínda que non teñan relación directa co centro–. A única condición é ter interese e gusto pola lectura. As persoas que queiran asistir ás sesións deben poñerse en contacto co responsable da biblioteca do IES, Miguel Fernández.