- Están a realizar desbroces e podas e tamén plantan especies arbóreas
- O alcalde e a concelleira de Emprego visitaron a zona para coñecer o desenvolvemento das actuacións
Valga, 13 de xaneiro de 2019.
Os dez alumnos do módulo de forestal do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III, que comparten os concellos de Valga e Moraña, están a realizar traballos de acondicionamento na área fluvial de Vilarello.
As actuacións consisten en desbroces e limpezas manuais e con desbrozadora, sega e rastrillado de follas. Asemade, están a facer podas de formación, de mantemento e de rehabilitación e tamén se están a plantar especies arbóreas.
Os restos forestais das podas e limpezas son queimados mediante queimas controladas.
O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, e a directora do obradoiro, Mª Carmen Vidal, visitaron esta semana a zona para coñecer o desenvolvemento da actuación.
Estes traballos permiten ao alumnado adquirir as destrezas propias do seu módulo profesional, comezar a traballar con autonomía e aplicar, xa na práctic a, os coñecementos que foron adquirindo previamente nas aulas.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III deu comezo a mediados de novembro e prolongarase ata o mes de agosto coa participación de dez desempregados de Valga e outros tantos de Moraña. Os vinte alumnos, doce mulleres e oito homes, estanse a formar nas especialidades de albanelería e acondicionamento forestal por un período de nove meses durante o que perciben o salario mínimo interprofesional.
A Xunta de Galicia aporta 288.807 euros para financiar esta acción formativa, mentras que os concellos de Valga e Moraña sufragan os materiais para as obras que se están a executar nos respectivos municipios. O obxectivo final é favorecer a inserción no mercado laboral dos participantes.