Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Esta foi unha das xestións realizadas polo alcalde na súa viaxe a Madrid do pasado 27 de decembro

- Acondicionarase a ribeira do Ulla e instalarase un pantalán de 42 metros de longo

portocampaña

Valga, 11 de xaneiro de 2019.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de autorizar o proxecto de creación dun embarcadoiro no río Ulla destinado, fundamentalmente, ao seu uso por parte de embarcacións turísticas e de recreo. A consecución deste permiso foi unha das xestións realizadas polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a tenente alcaldesa Carmen Gómez na súa viaxe de traballo a Madrid do pasado 27 de decembro.

“Agora estamos pendentes de concertar unha entrevista na Xunta de Galicia e fixar o cronograma para a execución do proxecto. Temos a autorización, os terreos son propiedade do Concello e só falta contratar e executar as obras por parte da Xunta”, indica o alcalde.

Na zona na que está previsto desenvolver a actuación, na parroquia de Campaña, aínda perviven as ruínas dun pequeno peirao no que antigamente se cargaban embarcacións con arxila e pezas de cerámica fabricadas na factoría Novo y Sierra. O proxecto, redactado por Portos de Galicia, propón a rehabilitación daquela pequena estrutura portuaria co fin de permitir o atraque aos catamaráns e embarcacións turísticas que operan na Ría de Arousa e no río Ulla e atraer, así, un fluxo de visitantes que cheguen ao municipio por vía fluvial.

As obras consistirán no acondicionamento desta zona de ribeira con pavimento de adoquín e a instalación dun pantalán de 42 metros de longo con pavimento de madeira e varanda de aceiro inoxidable. Ao final da pasarela colocarase unha plataforma flotante de 24 metros de longo por 3 de ancho. Esta plataforma será a que permita o atraque dos catamaráns.

O embarcadoiro irá dotado con cornamusas de aluminio para o amarre das embarcacións proxectándose, ademais, o acondicionamento dun acceso por estrada ao lado da depuradora. Ademais da aprobación do proxecto, o Pleno votará a solicitude de autorización á Xefatura Provincial de Costas do Estado para a instalación do pantalán por parte de Portos de Galicia.

Volver