Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A comunidade educativa e outros veciños sumáronse a esta acción benéfica

- Houbo sorteos, obradoiros e visitas dalgúns dos personaxes de debuxos favoritos dos máis cativos

fsolidarioEI1

Valga, 10 de xaneiro de 2019.

A Escola Infantil Municipal de Valga recadou 676’09 euros para a Fundación Aladina, que axuda a nenos enfermos de cancro e ás súas familias, cun festival solidario que tivo lugar onte pola tarde no Auditorio Municipal. Os fondos reuníronse coas entradas, que custaban 3 euros por persoa, coa venda de rifas e cun mercadiño benéfico que nas xornadas previas ao evento se instalou na escola infantil.

O festival congregou a alumnado, familias e persoal docente da escola e outros veciños de Valga que quixeron colaborar con esta causa. Houbo actuacións musicais, obradoiros de globoflexia e maquillaxe, sorteos de moitos agasallos donados por establecementos e casas comerciais de Valga e da súa contorna, unha merenda con pizzas e chocolate con churros e visitas dalgúns dos personaxes de debuxos animados favoritos dos máis cativos, como Peppa Pig, os Minion ou Chase da Patrulla Canina.

Todos os cartos recadados destinaranse á Fundación Aladina, unha entidade sen ánimo de lucro que proporciona apoio integral a nenos e adolescentes enfermos de cancro e ás súas familias. Ofrécelles asistencia psicolóxica, emocional e material gratuíta para conseguir que recuperen as gañas de loitar contra a enfermidade.

Aladina cumpre neste 2019 catorce anos de traxectoria. Cada ano atende a máis de 1.500 nenos e familias de toda España Desenvolve programas de acompañamento emocional e lúdico, de exercicio físico, terapias lúdicas e coidados paliativos, entre outros. Ademais, a fundación ten financiado obras en hospitais públicos. En 2016 inaugurou unha UCI infantil no Hospital Niño Jesús de Madrid cun investimento de 1,5 millóns de euros.

fsolidarioEI2 fsolidarioEI3

fsolidarioEI4 fsolidarioEI5

fsolidarioEI6 fsolidarioEI7

 

Volver