- Un dos principais obxectivos foi o de impulsar a modificación do PXOM para permitir a ampliación de Extrugasa
- “Tratamos temas de moito interese para o municipio que queremos que saian adiante canto antes”, di Bello Maneiro
Valga, 8 de xaneiro de 2019.
O alcalde, José María Bello Maneiro, mantivo na xornada de onte un encontro co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, co que abordou distintos proxectos e actuacións que están a tramitarse en varias consellerías e departamentos da administración autonómica.
O rexedor, acompañado pola tenente alcaldesa Carmen Gómez, foi recibido por Núñez Feijóo no seu despacho de San Caetano. O principal interese deste encontro era o de trasladar ao presidente algunhas das principais demandas e necesidades de Valga e, fundamentalmente, axilizar aqueles proxectos que se atopan en tramitación por parte de distintos organismos da Xunta de Galicia.
“Son temas de moito interese para Valga, de aí a nosa intención de que poidan saír adiante canto antes”. O alcalde destaca, por exemplo, a modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que permitirá a ampliación de Extrugasa e cuxos trámites se están a retrasar máis do previsto.
Este cambio no planeamento urbanístico é imprescindible para dotar a Extrugasa (a maior industria de Valga tanto en superficie como en número de empregados) de máis solo de uso industrial para ampliar as súas instalacións de Campaña, unha expansión que, sen dúbida, “contribuirá a potenciar a actividade económica no municipio e a xerar novos postos de traballo”, remarca Bello Maneiro.