- O alcalde entregoulles un vale de 100 euros para adquirir material didáctico
- Os demais participantes foron agasallados con 25 euros e un roscón de Reis
Valga, 7 de xaneiro de 2019.
O xurado do XVII Concurso de Beléns organizado pola Concellería de Cultura decidiu, logo de visitar os nacementos participantes, outorgar o primeiro premio do certame ao grupo de amigos integrado por Julián Cerneira, Andrea Torres, Jeny Valiño, Alejandro Torres e Álex Cortés.
O nacemento que presentaron ao concurso estaba formado por arredor de duascentas pezas, con casas de corcho feitas a man, figuras con movemento conseguido con motores de coches de radiocontrol e iluminación. Como gañadores recibiron un vale de 100 euros para adquirir material didáctico que lle foi entregado polo alcalde, José María Bello Maneiro.
Os cinco inscritos restantes (Encarna García, Telma e Hernán Dopazo, Mª José Pardal, Fran e Juan Otero e Xián Mariño) foron agasallados con vales de 25 euros e todos, ademais, recibiron un roscón de Reis.
O xurado, integrado por dous representantes do Concello e catro membros da asociación Amigos do Belén, percorreu os nacementos inscritos o pasado 29 de decembro e destacou tanto a calidade como a orixinalidade dos nacementos.
Os premios entregáronse o pasado sábado durante a Cabalgata de Reis, que congregou a un gran número de veciños nos exteriores do Belén Artesanal. Máis de 300 nenos subiron a saudar aos Reis Magos e a recoller os regalos que Melchor, Gaspar e Baltasar lles tiñan preparados.