- O evento terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 17 horas con entradas a 3 euros
- Incluirá actuacións musicais, sorteos, mercadillo benéfico, obradoiros e chocolate con churros
Valga, 4 de xaneiro de 2019.
A Escola Infantil Municipal de Valga celebra o vindeiro mércores, 9 de xaneiro, un festival solidario a favor da Fundación Aladina, que axuda a nenos enfermos de cancro e ás súas familias. O evento terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 17 horas e, ademais da comunidade educativa da escola, pode asistir todo o público que desexe colaborar con esta causa. As entradas terán un prezo de 3 euros.
O festival contará coa participación do Show dos Pallasos. Tamén haberá sorteos de agasallos, actuacións musicais, merenda con pizza e chocolate con churros, un mercadiño benéfico, obradoiros de globoflexia e pintacaras e outras sorpresas.
Ademais, dende hai días, a dirección da Escola Infantil ten instalado no centro un pequeno mercado solidario con diverso material aportado por Aladina. Poden adquirirse libretas, cuncas ou bolsas, entre outros obxectos.
Todos os fondos que se recaden serán destinados á Fundación Aladina, unha entidade sen ánimo de lucro que proporciona apoio integral a nenos e adolescentes enfermos de cancro e ás súas familias. Ofrécelles asistencia psicolóxica, emocional e material gratuíta para conseguir que recuperen as gañas de loitar.
Desenvolve programas de acompañamento emocional e lúdico, de exercicio físico, terapias lúdicas e coidados paliativos, entre outros. Ademais, a fundación ten financiado obras en hospitais públicos. En 2016 inaugurou unha UCI infantil no Hospital Niño Jesús de Madrid cun investimento de 1,5 millóns de euros.
Aladina cumpre en 2019 catorce anos de traxectoria. Cada ano atende a máis de 1.500 nenos e familias en doce hospitais de toda España.