- Os asistentes inventaron e degustaron os seus propios combinados e recibiron explicacións sobre as consecuencias do consumo de alcohol
- Fomentáronse alternativas de ocio saudables, tendo en conta que a idade media de inicio no consumo desta droga se sitúa en torno aos trece anos
Valga, 3 de xaneiro de 2019.
O Plan de Prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas impartiu esta mañá no Auditorio Municipal un obradoiro de cócteles sen alcohol para mozos de 12 a 16 anos co obxectivo fomentar as alternativas ao consumo desta droga e advertir sobre os riscos do abuso do alcohol.
A actividade centrouse na elaboración de varios combinados con cero gradación, empregando ingredientes como refrescos, zumes de kiwi, maracuyá, laranxa, melocotón ou piña, mosto, granadina, cítricos e menta, entre outros.
Os participantes elaboraron os cócteles “San Francisco”, “Mint Tonic” e “Clayton Pussy” e, despois, inventaron os seus propios combinados, puxéronlles nome e preparáronos para que todos os puideran degustar. Entregouselles a todos un libro de receitas para que nos seus fogares continúen elaborando cócteles e experimentando con novas mesturas de ingredientes.
Ademais desta parte práctica, o obradoiro ofreceu tamén aos mozos información sobre sobre as consecuencias do abuso das bebidas alcohólicas, especialmente durante a adolescencia.
Esta droga depresora do sistema nervioso central afecta á capacidade de autocontrol e xera dependencia. É un factor causal en máis de duascentas enfermidades e trastornos e estímase que o 25% das defuncións de persoas de entre 20 e 39 anos son atribuibles ao consumo de alcohol.
Por outra parte, o alcohol xera unha carga sanitaria, social e económica considerable. E non só prexudica aos consumidores, senón tamén a outras persoas: familiares, amigos ou compañeiros de traballo, por exemplo. Hai que ter en conta que se recomenda o “consumo cero” entre colectivos como menores de 18 anos, mulleres embarazadas ou en período de lactancia ou cando se vaian a conducir vehículos.
Con actividades como a desenvolvida esta mañá trátase de evitar que os máis mozos se inicien no seu consumo fomentando alternativas de ocio saudables. Actualmente a idade media de inicio no consumo de bebidas alcohólicas sitúase en torno aos trece anos.