- Os textos deben gardar relación coa revolta popular dos veciños de Valga contra as tropas francesas de Napoleón acontecida no ano 1809
- O gañador será gratificado con 600 euros e a súa obra representarase dentro do programa de actos da recreación da Batalla de Casaldeirigo
Valga, 3 de xaneiro de 2019.
O Concello convoca unha nova edición do Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga” como unha das iniciativas vencelladas á recreación anual da Batalla de Casaldeirigo. O prazo de presentación de obras permanecerá aberto ata o día 15 de febreiro debendo os textos gardar relación coa Guerra da Independencia e, en concreto, centrarse no episodio da revolta popular dos veciños de Casaldeirigo contra as tropas francesas.
Deben ser obras inéditas e escritas en galego, cunha extensión mínima de 25 folios a dobre espazo e divididas en tres actos. O autor deberá ter en conta que se trata dunha representación popular na que participarán actores afeccionados e que se desenvolverá ao aire libre nas inmediacións da Capela da Virxe da Saúde polo que, ademais da calidade das obras, o xurado encargado de fallar o premio terá en conta a viabilidade da súa posta en escena.
Establécese un único premio de 600 euros que, ademais, implica a obriga de colaborar na dirección da obra para a súa representación dentro do programa de actividades da recreación da Batalla de Casaldeirigo. O autor do texto premiado cederá en exclusiva ao Concello os dereitos de reproducción, distribución, comunicación pública e transformación da obra en todo o territorio da Unión Europea para a súa explotación, execución teatral, edición e produción.
A presentación ao concurso esixe dous sobres adxuntos e pechados que se presentarán no rexistro do Concello de Valga. O sobre A incluirá os orixinais mecanografados e tres copias sen asinar, co título da obra e un pseudónimo do autor que permitirá a súa posterior identificación, así como un precaderno de dirección no que se describa a posta en escena do espectáculo. No sobre B constarán o nome, teléfono e enderezo do autor, xunto cunha copia do seu DNI. Por fóra deberá indicarse o título da obra e o pseudónimo.