Accessibility Tools

Todas

XORNADA DE EMOCIÓNS NO ENCONTRO DE VALGUESES EN ARXENTINA, AO QUE ASISTIRON MÁIS DE 230 EMIGRANTES E DESCENDENTES

- “O vínculo segue intacto a través dos fillos e netos dos que deixaron Valga en busca de prosperidade", sinalou o alcalde

- Trinta persoas viaxaron dende Valga para participar nesta xornada histórica, conmemorativa do 30 aniversario da primeira xuntanza

EncontroArxentina1

Valga, 26 de maIo de 2026.

Xornada de emocións a que se viviu onte na Casa de Galicia en Buenos Aires coa celebración do Encontro de valgueses, ao que asistiron máis de 230 persoas: emigrantes que no seu día tiveron que deixar Galicia en busca de prosperidade, descendentes deste e tamén trinta persoas chegadas dende Valga na viaxe organizada polo Concello e que encabeza o alcalde, José María Bello Maneiro.

Foi unha cita histórica, a conmemoración do trinta aniversario do primeiro Encontro de Valgueses en Arxentina, en 1996, para seguir fortalecendo a relación histórica entre Valga e Arxentina baseada na conexión migratoria e na diáspora. Bello Maneiro definiu coma “un orgullo estar aquí cos valgueses residentes na Arxentina. Por desgracia, moitas das persoas que naceron en Valga xa non están con nós, pero o vínculo segue intacto a través dos seus descendentes: fillos e netos”, dixo o rexedor durante a súa intervención ante os asistentes ao acto.

Bello Maneiro lembrou que aquel primeiro encontro de 1996 serviu para que moitos valgueses que emigraran e nunca máis se volveran ver, se reencontraran e volveran a entrar en contacto. “Teño recordos imborrables e moi emocionantes daquel día. Foi moi emocionante coma o esta a ser hoxe”.

O alcalde fixo un repaso polos cambios que experimentou Valga dende aquela e tralo xantar proxectouse un vídeo con imaxes das distintas parroquias de Valga, moi aplaudido polos asistentes, con gañas de coñecer novidades sobre o seu lugar de orixe.

Na xuntanza participou tamén o delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, que enxalzou a traxectoria de Bello Maneiro: “trinta e cinco anos como alcalde, loitando polo benestar dos seus veciños e tamén preocupándose pola sexta parroquia de Valga”, en referencia aos valgueses na diáspora. “É un exemplo para todos os alcaldes”, engadiu.

Tamén interveu a presidenta da asociación de Fillos e Amigos de Valga en Arxentina, Mari Castro, que amosou a súa ledicia “por reunirnos tanta xente de Valga”. Recoñeceu que, cando o alcalde lle transmitiu a idea de celebrar esta actividade, “fun bastante escéptica porque a maioría de persoas que, fai décadas, emigraron dende Galicia xa faleceron ou son moi maiores. Estou moi sorprendida pola resposta”. Lembrou aqueles outros encontros de antano, nos que “traían polbo de Galicia, veu a Banda Municipal e a Coral Polifónica Santa Comba. O último foi en 2014 e pídolle que non demore outros doce anos en regresar porque o almanaque non perdoa”.

Outros dos asistentes foron o exdeputado e exsenador Jorge Villaverde e o presidente da Sociedade Española de Socorros Muturos.

Todos os asistentes á xornada recibiron como agasallo unha bandeira e unha insignia de Valga e un libro coa letra e a partitura do Himno a Valga que, ademais, foi interpretado polo grupo de gaitas Cruceiro. A súa actuación, con muiñeiras e pezas tan coñecidas coma A Carolina ou a Rianxeira, foi seguida con emoción, aplausos e bailes polos asistentes, que puxeron remate á festa cunha queimada con conxuro.

EncontroArxentina2EncontroArxentina3